Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Lola Rontano
09:50
28/06/19

50 anos de Stonewall: 28 de xuño, día do orgullo a toda costa

Bandeira multicolor LGTBI
50 anos de Stonewall: 28 de xuño, día do orgullo a toda costa

- E ti que pensas do orgullo gay-lego? -preguntábame onte Lady Chorima. 

- Do noso orgullo LGTBIQ etcétera?

- O mesmo. 

- A min me parece que este ano vén moi lesbiano -respondo pensando nas adaptacións da historia de Elisa e Marcela por parte da Panadaría e de Isabel Coixet-, cousa da que me aledo.

- Non era sen tempo -asente ela, pasando a vasoira.

Estamos a recoller a casa porque mañá chega visita.

- Por certo, que pasa na costa?

- Nada, que eu saiba -respondo desde o lavadoiro- nesta semana non houbo ningunha actividade adicada ao tema. E non será porque non nos vai a festa, na costa!  

- Veremos algún día un orgullo agrocuir, como o que fan na Ulloa, na Costa da Morte?

- Sería un orgullo mareirocuir.

- Non soa nada mal –comenta con satisfacción. 

- Ah, temos o Fisterra Blues Experience, que empeza este venres.

- Sí, pero non. Eu pensaba nunha “Arco-da-vella Experience”.

- E logo, ti que queres? Carrozas patrocinadas por Larsa e Estrella Galicia? 

- Eu pensaba máis nunha homenaxe a Stonewall -dime ela toda seria. 

- O Stonewall é o bar aquel de Nova York?

- Si, onde as revoltas do 28 de xuño. 50 anos de Stonewall! É unha data para rememorar! Este luns, por certo, vin o documental de Bea Vcampaña, Noite Irisada, acerca da represión franquista e do movemento polas liberdades sexuais na Galiza.

- Boa maneira de empezar a semana.

- Sí, a setenta kilómetros, en Compostela. Pero que modelos ten a xente nova de aquí? Que referentes? Que sinte a xuventude da costa cando descubre que non é hetero? 

- Creo que moita xente vai facer na cidade o que non se atreve a facer aquí. 

De repente, Lady Chorima aparece ao meu lado.

- Hoxe xa non hai multas ni cárcere por non ser hetero, pero hai homofobia, acoso e mesmo suicidios, especialmente na rapazada entre os 15 e os 21 anos.  

Logo marcha para a cociña. Escoitase un suspiro. Eu vou ata o salón e abro as ventás.

- De todas formas, moito avanzamos -dígolle aplicándome aos cristais.

- Si, ho -responde con sorna-. Sabías que niso do matrimonio, Galiza é pioneira?

- Claro, con Elisa e Marcela

- Non, foi moito antes! -retruca Lady Chorima desde a porta-. O primeiro enlace homosexual foi entre homes, en Celanova, no século XI.

- No século XI?!

- Si.

- Como o sabes? 

- Grazas a Carlos Callón, que ten unha tese sobre o tema. E a igrexa permitiu este tipo de unións, de feito o matrimonio non se formalizou como sacramento até principios do século XIII. Nese momento é cando xurde a visión pecaminosa do asunto. E a Inquisición fixo o resto. Se non me cres, vaite a internet e busca “adelfopoiesis”. Vas flipar.

- Ou sexa, que o de 2005 non foi máis que un remake socialista!

Lady Chorima asinte coa cabeza.

- Por iso, se somentes nos quedamos co desfile patrocinado e coa ilusión de que somos libres -continúa ela- porque podemos casar entre nós, tampouco é que se avanzase moito.

- O da celebración libertaria está moi ben.

- Si, eu non a critico. Na Idade Media tiñan as festas dos tolos. Nós temos un día para darlle a volta ao sistema heteropatriarcal dominante, pero dígoche que non é suficiente. Temos que solidarizarmos coas persoas discriminadas, empezando pola propia aldea e seguindo polo Brasil de Bolsonaro.

- Ti cres que vivimos nunha sociedade reprimida?

- Reprimida e alienada -contesta miña Lady, recolocando os mobles-. Non se trata de “chuequizar” a sociedade, senón de celebrar a liberdade de cadaquén para liarse con quen queira ou para querer a outra ou outras persoas.

- Pero ti mesturas o poliamor cos dereitos LGTBIQ etcétera!

- Pero se é o mesmo!

- Non, queridiña!

- Ti cres que o ceo é divisible en leiras? Pois coa sexualidade pasa o mesmo. Ademais, antigamente vivíamos así. 

- Antigamente cando? -pregunto-. Na época do bronce?

- Antes.

- Mágoa que non poida acordarme.

Ao final acabamos as dúas sentadas nas escaleiras, vendo no seu móbil o video-clip protagonizado por Daniela Mercury e Malu Verçosa:

Ao rematar, dígolle: 

- Temos que sacar a roupa -pensando no lavarroupa, que xa acabou. 

Pero ela clama entusiasmada:

- Imos!! Hai que espirse! -e comeza a bicarme levantándome a camiseta. 

  •  Lola Rontano. Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003.

Máis artigos de Lola Rontano