Xoves. 22.04.2021
El tiempo

O tango dos emigrantes no Xacobeo

Tapa do libro A emigracion galega no tango riopratense-de Manuel Suarez Suarez
Tapa do libro sobre o tango do mesmo Manuel Suárez Suárez
O tango dos emigrantes no Xacobeo

O bailarín e coreógrafo compostelán Óscar Cobos é persoa culta, quero dicir que ademais dunha sólida formación na súa profesión, ten conciencia identitaria. Estivo varios anos na Arxentina para aprender todas as reviravoltas da danza do tango pero a súa inquedanza levouno a querer saber sobre os emigrantes galegos que bailaron ou escribiron ou crearon partituras musicais. Antes da pandemia estivemos compartindo historias. Sorprendeume moito cando comentou que estaba a darlle voltas a un proxecto sobre a presencia de emigrantes galegos na historia do tango riopratense. Quedei moi compracido xa que é o primeiro galego ao que se lle ocorre intentar facer un resgate despois das iniciativas do meu prezado Adolfo (Adolfo José Lozano Bravo) e da miña prezada Graciela (Graciela Silvia Pistocchi Pereira).

O pai de Adolfo era de Santalla de Dumpín (Castro de Rei) e o avó materno de Graciela de San Miguel de Goiás (Lalín) e ámbolos dous mantiveron unha amistade estreita desde que se coñeceron nas clases que se impartían, os sábados pola tarde, no Instituto Arxentino de Cultura Galega do Centro Galego de Bos Aires. Eu coñecinos en Montevideo no ano 1979 cando se achegaron pola capital uruguaia para participar nun acto no Centro Galego que celebraba o seu centenario. Os anos foron pasando e logo coincidín con eles, acó e acolá, en diferentes actividades e lugares da colectividade. Uns meses antes do falecemento de Adolfo [20/5/2014] tiñamos perfectamente estruturado un Curso Especial que demoninamos A emigración galega no tango riopratense e que eu impartiría no Centro Galego da Prata e no Centro Galego de Avellaneda. Nestes dous espazos da colectividade era onde Adolfo daba unhas moi documentadas charlas sobre diferentes aspectos da nosa cultura poñendo énfase na paisaxe mediante a proxección dunha selección dos milleiros de diapositivas do seu valioso arquivo persoal.

A proposta era para presentar na Dirección Xeral de Política Lingüística xa que o curso sería impartido en idioma galego. A petición era dun billete aéreo e unha pequena axuda para manutención (un total de 1500 euros) xa que o aloxamento estaba solucionado polo ofrecemento xeneroso de dous bos amigos: Carlos Penelas e Carlos Ameixeiras. O programa pensouse para cinco fins de semana e de acordo co seguinte temario: I) As cidades de Bos Aires e Montevideo. O berce do tango; II) Os conventillos. A vivenda do tango; III) Os barrios galegos. Entre gauchos, negros e mate; IV) A linguaxe do tango. Letras e temas tangueros; V) Cinco galegos para o tango. En cada clase teríamos a colaboración de Graciela que interpretaría un ou dous tangos, en galego e en castelán, elixidos en orde cronolóxica e tamén pola súa temática. A neta de Lalín é moi coñecida polo seu disco Terra Meiga pero nesta oportunidade botaríamos man da súa pioneira gravación Nas beiras do Prata que fora apadriñada polo inesquecible doutor Antonio Pérez Prado.

Nas Beiras do Prata-Tangos en galego

Así é que pasou o tempo e estou moi ledo co entusiasmo de Óscar Cobos. Quere contar a historia da emigración galega ao Río da Prata seguindo ou ao compás dunha danza que desde o comezo leva pingueiras de sangue galego do seu ADN. O seu ánimo é a confirmación de que o sentimento de pertenza é indestructible e a súa forza empurrará para conseguir que o tango dos galegos teña un oco dentro do programa dobre do Ano Santo Xacobeo. Agardo esperanzado que a súa razoada proposta poida concretarse. O obxectivo é lembrar aos  devanceiros da diáspora ao mesmo tempo que se promove o interese sobre unha creación cultural que desde o ano 2009 é Patrimonio Inmaterial da Humanidade. O que non ofrece dúbida (se entra na programación) é que a actuación recibirá os aplausos do público. Ademais e quizais sexa o máis importante, servirá para a expoñer no amplo escaparate do Xacobeo ao tango que agromou da morriña que sementaron os nosos emigrantes nas beiras riopratenses.

 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

comentarios