Luns. 16.09.2019
El tiempo
Manuel Vilar
17:24
24/09/18

A capela de San Miguel en Coucieiro

A capela de San Miguel en Coucieiro
San Miguel de Coucieiro-Foto de X Garcia Devesa San Miguel de Coucieiro-Foto de X. Garcia Devesa O amigo Modesto García Quintáns, na súa sección “O modesto patrimonio”, tráenos á memoria imaxes esquecidas, referentes da nosa identidade que están aí e que imos borrando por falta de uso, porque imos collendo outros indicadores ou porque as borran para baleirar os marcadores dunha memoria social nunha paisaxe cultural. Antes do verán unha destas entradas do modesto patrimonio falaba da capela de San Miguel, en Coucieiro. Esta referencia activou a miña memoria e levoume a subir o monte de San Miguel un día de calor de finais do verán, agora acompañado polo amigo Suso García Devesa. Incidiu tamén a reportaxe que días despois Santiago Garrido fixo sobre as capelas abandonadas. Recentemente, Juan Félix Neira escribiu sobre a historia da capela de San Miguel.

O monte de San Miguel

Había xa uns anos que non subía a este monte. A última vez que subira fora para acompañar a Eva López Añón cando estaba facendo a súa tese sobre a arte relixiosa de Nemancos. Entón, xa estaba todo cuberto pola maleza e o abandono. Debía haber vinte anos que non subía, fora entón para acompañar a outra persoa que estaba facendo un inventario dos bens eclesiásticos da parroquia. Daquela a subida foi máis fácil, a capela non estaba tan chea de maleza e o adro era un campiño no que  aínda non medraran as silvas nin os toxos. A parede que o rodeaba estaba derrubada, pero marcaba claramente o límite deste espazo. E desde o alto había unha boa vista dos lugares de Vilarmide, Sorna e Vilardouteiro coas súas agras traballadas de a vista perdíase seguindo o curso do río Castro. Mais hoxe iso xa non é así, nin campo, nin vista. Cada vez é máis difícil subir polo monte, pola arborización e pola maleza, tamén porque o camiño desapareceu. Agora hai que ir monte a través. Entendo que os camiños son bens de dominio público, demaniais, polo que as administracións deberían preocuparse porque non foran ocupados, ou procurar buscar novas trazas ou servidumes cando muda o parcelario. Antes de subir fomos pedir un fouciño nunha casa de Sorna para axudar abrir o camiño. A muller que nolo prestou exclamou: “San Migeliño vaia por Dios!”. Era a mesma exclamación que teño rexistrado hai máis de vinte anos cando fixen un traballo sobre as festas desta parroquia, que é a miña.

A capela de Coucieiro

San Miguel de Coucieiro Muxia-Foto-X Garcia Devesa San Miguel de Coucieiro-Foto-X Garcia Devesa A capela de San Miguel está situada no alto do monte do mesmo nome e a uns 500 m en liña recta cara ao norte da igrexa parroquial. O monte ten unha forma cónica que destaca, mellor habería que dicir que destacaba, claramente na paisaxe. Agora está todo arborado, ou habería que dicir eucaliptizado, pero aínda o lembramos limpo, como monte baixo a onde ían os veciños por valume e pastaba o gando. O máis frondoso era unha masa de mimosas xunto ao camiño, onde se di a Curva de San Miguel, e onde, dicían, algunha vez “saían ó camiño”. Pero a natureza ten sorpresas e agora apareceu unha pequena carballeira, como resistindo ante o avance imparable dos eucaliptos que borran todas as pegadas doutros usos e doutras vexetacións. Un veciño do Castro hai xa anos contárame que neste monte «había mouros. Eran os mismos cos do Castro, e baixaban a cabalo cara ó Vao de Lobo». Estes «mouros» pelexaban cos de Dumbría, concretamente cos que vivían nas Pedras Rubias. Na mitoloxía popular galega os mouros acostuman habitar lugares relacionados con xacementos arqueolóxicos. Posiblemente no cume deste monte houbese un castro, un lugar que funcionase como refuxio temporal en caso de perigo, ou fose un sitio para ter unha ampla visión do territorio e esculcar o horizonte. Na baixada cara ao este hai unha mámoa, agora, como tantas, invisible pola repoboación forestal. Esta mámoa estaba xunto ao camiño polo que se ía a Senande. Son moitas as mámoas que sinalan camiños vellos e son moitas as que perderon esa función por falta dun ordenamento respectuoso coa memoria da xente. O monte de San Miguel foi case todo propiedade da igrexa ( uns 230 ferrados) até que foi vendido polo Estado no proceso desamortizador. A venda tivo lugar no ano 1870 e foi comprado pola casa de Leis Busto, o compañeiro de Eduardo Pondal na escola de Nemiña e que tiña casa en Coucieiro:

Leis era de Suxo e Ocampo da terra de Villarmide; Leis Busto, de Coucieiro, Barrentos, de Morpeguite;

Aquí empeza un longo contencioso, con detención dos veciños que ían cortar toxo, que remata nos anos 50 do século XX cun amaño polas boas entre o párroco e os herdeiros de Leis Busto. O monte tamén marcaba o límite entre as parroquias de San Pedro de Coucieiro e a de San Cibrán de Vilastose. Este linde sinálase nunha fonte que estaba na baixada cara ao lado de Vilastose, no medio dunha braña. Esta fonte, que ma definiron como unha canle, seica tiña unhas pedras moi boas e ían a ela para afiar as aixadas cando andaban no monte rozando. No cume deste monte están os restos da capela de San Miguel. A capela existía a comezos do século XVII, polo que debe ser anterior a este século. Mais, pese á proximidade da parroquial, a documentación fala do mal estado da capela. Así, nunha ocasión encontraron no seu interior un cabalo morto e, en 1791, atopárona “profanada completamente y hecha establo de ganados mayores y menores con inmundicia de estos, sin puerta ni otra cosa más que indique ser tal capilla que una imagen de S. Miguel de piedra sobre la forma de un altar que se halla todo derrotado”, polo que “hace tiempo ... no se celebra en ella y que se hace el día de San Miguel en un altar portátil que se erige en el mismo día del Santo a la pared de dicha Capilla”. Nestas condicións o visitador dá dúas alternativas: ou reparala en catro meses e deixala “con decencia” ou “no consiguiéndose lo referido se demolerán sus paredes”. Pero como os veciños tiñan moita devoción á imaxe de San Miguel e alí se xuntaba “un numeroso concurso de gente”, a capela non foi demolida. Tiña un altar de pedra, como o ten a veciña capela do Castro ou a parroquial da Ameixenda ou a de Brandoñas. Nese altar había, segundo contan algunhas visitas eclesiásticas, unha imaxe de pedra de San Miguel. Na fachada occidental hai un fornelo sobre a porta, polo que alí tería que haber tamén unha imaxe e, esta si sería de pedra. Hoxe non sabemos onde pode estar esa imaxe. Había outra imaxe, que “subían” o día da festa desde a parroquial. Esta debe ser a que aínda está no altar maior e que encargou o párroco Bernardo Martínez en Santiago “por aberse quebrado de pura bieja la que antes abía”. O Bernardo ou Bernardino Martínez estivo de párroco entre febreiro de 1800 e outubro de 1804. O altar foi trasladado e colocado no lateral sur da parroquial por orden do párroco Manuel Canosa e colocado polo canteiro señor Pazos de Vilarmide.  A súa colocación débese a que alí se facía unha parada na procesión do Corpus. Non lembro si había xa unha mesa ou se poñía unha portátil, pero agora adórnase con máis barroquismo. San Miguel de Coucieiro-Exterior-Foto-X Garcia Devesa San Miguel de Coucieiro-Exterior-Foto-X Garcia Devesa

San Miguel e a romaría que xa non se celebra

San Miguel foi un arcanxo guerreiro de Deus, vencedor do Anticristo, encargado de pesar as almas no Xuizo Final, como se representa na porta occidental da igrexa de Moraime nunha escena de psicostasia. É das primeiras fornadas de santos en ter culto e hai constancia do seu culto antes do século VIII nun mosteiro toledano, pero o seu esplendor está no IX-XI. No estudo de González Reboredo sobre os santos titulares das parroquias, San Miguel ocupa un lugar destacado, pero por detrás dos titulares de primeira división, que son Santa María, San Pedro, San Xoán e San Martiño. Entre nós ten culto no santuario de Rubín, aínda que non se fale do San Miguel e si do demo de Rubín, pola imaxe deste que está derrotado aos pés do santo mostrando o cu.  Os rapaces ían meterlle alí o dedo. En Muxía ten/tiña culto no santuario da Barca, onde a súa romaría acudían moitos romeiros que non puideran ir á da Barca, e na capela de Coucieiro. A de Muxía era unha romaría importante, pero agora o calendario marca outras prioridades. Da romaría de San Miguel de Coucieiro só se lembra a xente que pasa dos 80 anos que, por outro lado, é a maioritaria da parroquia. A xente coa que falei ten unha boa lembranza desta festa que marcaba o fin do ciclo festivo do verán. Así a copla di que:

Fun á Barca, fun á Santa, Fun ás romarías todas, Agora solo me queda San Miguel das cebolas.

O día festivo comezaba coa subida do santo desde a parroquial. Pero deixemos que o conte un destes informantes: “A procesión íbamola a buscar a Cousieiro e iba pa riba. Despois había misa e despois acabábase a misa e traíamola pa baixo e despois ibas a mirar as bailas arriba. Despois ó vir este [o crego Manuel Canosa] o primeiro ano xa botou as bailas da misa embaixo, pero o segundo ou o terceiro xa misou embaixo. É dicir, deixouse de facer a romaría no monte sobre o ano 1957. Foi neste ano cando cae o lateral norte e o tellado. Había xente que levaba a merenda e pasaban alí o día. Era unha festa de ámbito parroquial, pero entón a parroquia tiña máis vitalidade demográfica. Que a romaría era un día sinalada pode valer o seguinte dato: o día de San Miguel de 1764 María Francisca de Noboa, viúva de Ignacio Vázquez, de Calo (Vilastose) dá en arrendo unhas terras no lugar de Cibrán, da mesma parroquia, a Amaro de Leis, e fan o documento ante o escribán Antonio Pazos “en la hermita de Sn Miguel de la fra de Sn Pedro de Coucieiro”. Hoxe no monte quedan aínda parte das paredes da capela, o muro derruido do adro e todo cuberto de maleza.  Este abandono reflíctese no Plan Xeral de Ordenación de Muxía. A ficha referente a esta capela só ten un plano de situación, non ten ningún outro dato, está baleira, como baleira está a do cruceiro de Vuiturón, na miña opinión o cruceiro mellor labrado que temos en Muxía e dos mellores da comarca. Pero parece que os planificadores non o coñecen, ou non teñen interese en coñecelo, e o que non se coñece non existe. Para algunha xente coa que falei este verán en Sorna, Vilar de Outeiro e Vilarmide, tiñan a imaxe do monte e da capela de San Miguel como un referente na súa memoria. Pero moito me temo que o abandono vai ser a estratexia das administracións. Non son partidario de reconstruír a capela, pero si de consolidar a ruína, limpar a contorna, facilitar (recuperar) o acceso e dar información sobre este ben cultural. No 2001 recuperouse a de Santo Eutel no Castro. Pode que quedara moi ben, pero vai facer vinte anos que non se abre, non é accesible á cidadanía. E, cando baixamos do monte, puidemos ir beber á fonte de San Pedro que estaba limpa. Hai un tempo intentara achegarme e non fun capaz de localizala pola maleza. Agora dixéronme que o dono da propiedade a limpou. Un bo exemplo que debían seguir outros e as administracións. A fonte está pegada ao río. No recordo queda a copla que cantabamos a rapazada nun xogo de roda:

As abelliñas de San Miguel, Todas van cargadiñas de mel, E de mel e de melucho Que se vire (nome do rapaz ou rapaza) de cucho.

Ou así a recordo. O rapaz ou rapaza nomeada tiña que virarse de costas e a roda seguía até que todos estaban de costas, entón empezaban a bater de cus uns contra os outros.      

As Aberturas. Memorias e paisaxes

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

comentarios