Sábado. 24.02.2024
El tiempo
Manuel Vilar
13:07
25/09/13

A ponte de Trasufre

A ponte de Trasufre
Ponte de Agar en Trasufre Muxia-Foto-Manuel Vilar

Foron moitos os romeiros que acudiron este ano á Santiña de Trasufre. Favoreceu que caeu en fin de semana e que o tempo era excepcional (o ano pasado chovera). Tres días do romaría como nos tempos en que había as vésperas, que era o día de máis troula, segundo me contaron hai anos algúns vellos. Sobre 1885 cómprase unha imaxe de santa Margarita, e faise tamén festa ”p´outro día da Santa”.

Moitos dos romeiros que acudiron este ano á romaría cruzaron o río Castro por unha ponte no lugar denominado Muño (que non muíño) de Agar. Aquí había un muño de maquía que ten sufrido moitas enchentes, até que o muiñeiro decidiu facer unha casa algo máis arriba, abandonando o vello muíño (as ruínas están aínda alí ao lado da estrada) e a canle que levaba a auga foi entullada.

O que non saberían estes romeiros era que esta ponte é unha das poucas obras de arquitectura civil pagada con cartos da Igrexa. Coñezo outro caso: o santuario das Ermidas, nas terras do Bolo e da diocese de Astorga, pagou tamén unha ponte sobre o Bibei. Pode que haxa máis casos, pero isto é unha excepción nunha institución, como a Igrexa, acostumada a que o estado ou os veciños lle fagan ou amañen as súas moitas propiedades.

A ponte ten a súa historia e ten que ver coa fundación do santuario en Trasufre, en 1785. O crego que o fundou, Francisco Bretal Mariño, que era de Oleiros (Ribeira), alegaba que o río Castro era moi caudaloso e que no inverno impedíalle aos veciños deste lugar, tamén aos da Farrapa e Calo, estes de Vilastose, desprazarse até as súas parroquias para cumprir co deber de asistir á misa nos domingos e festas de gardar. Por iso fixo alí un santuario. A romaría viría máis tarde, a mediados do século XIX, e pronto colleu sona e foi sempre moi concorrida.

Pasado o tempo o problema do desprazamento seguía existindo e o río separaba os de Trasufre “en tiempos de avenidas”, polo que o párroco de Coucieiro pide facer “unos pontillones”, uns posados, como dicimos nós. Pero non foi así, faríase unha ponte, que é a que está actualmente, coas posteriores adaptacións ou ampliacións do firme cando se fai a estrada coa concentración parcelaria. A parcelaria desvía o vello trazado do camiño e faino máis recto, pois antes, ao saír da ponte virábase á dereita e rodeábase un montiño.

Mais detrás dos intentos de erguer a ponte hai outras historias, aínda que aquí non nos imos estender moito.

O crego queixábase de que os de Trasufre, co pretexto de que alí tiñan unha capela, rexeitaban ir á parroquial, querían a súa propia parroquia e o párroco pensaba que “si los de Trasufre insisten en separarse y llaman a aquello suyo, dará lugar a graves disgustos…”. Vamos, o mesmo discurso hoxe con Cataluña. E o crego, Antonio García Arjomil, que era de Chorente, non andaba con miramentos. Un veciño, que fora a Santiago a falar co bispo, tráelle un escrito deste. O crego contéstalle inmediatamente: “Mi muy estimado señor: ayer me fue entregada una carta de su SSex. por el feligrés [nome do fregués] de Trasufre […] Ante dho parece debo dicir que el [nome do fregués] despues de apalear a su muger, su suegra y una cuñada…”. Boeno, que o veciño non queda moi ben.

Así estaban as cousas e decide facer a ponte. Pide a colaboración do Concello de Muxía, atendendo á utilidade pública da mesma, pois a nova ponte facilitaría o tránsito máis directo entre Muxía e Dumbría, que faría máis recta e fácil a comunicación entre estas parroquias coa feira de Baíñas e ca cidade de Santiago de Compostela. Pero o Concello parece que só pide aos veciños que axuden no carreto de material e nos labores de construción. Nun principio parece que se comprometeron axudar, pero despois xa non estaban moi conformes. Mais a ponte sae a subasta en 1879 e estaba feita en 1880. Foi pagada coas rendas do santuario, porque en Trasufre celebrábase unha importante romaría que congregaba naqueles momentos moita xente da contorna e os romeiros ofrecían á Santa bastante cereal (trigo e centeo), xunto con outras ofrendas, como cera, animais e hábitos que despois eran poxados polo párroco.

Para que quedase constancia de quen mandou facer a ponte, seica se colocou sobre un dos peitorís un fornelo cunha imaxe da virxe de Aránzazu e unha caixa para as esmolas. Seica houbo intentos por parte de descoñecidos de facerse cos cartos do petitorio, pero parece que non o lograron, polo que, como vinganza, a imaxe acabou varias veces no fondo do río. Estes feitos motivaron ao párroco a trasladar o fornelo e a imaxe para a fonte que está ao pé do santuario, onde se deixan os panos a secar; a fonte fíxose en 1887, a imaxe desapareceu.

Hoxe seguimos cruzando o Castro por esa ponte e en Trasufre seguen celebrando unha importante romaría. A advocación mariana é a da patroa de Guipúscoa, pero isto xa é outra historia que ten que ver coa difusión dos cultos por parte da Igrexa.

As Aberturas. Memorias e paisaxes

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

  • Redacción e fotos de Manuel Vilar para QPC.

Comentarios