Venres. 26.04.2024
El tiempo
Manuel Vilar
10:36
19/02/13

Monte Facho: un patrimonio de recalada

Monte Facho: un patrimonio de recalada
 O Facho de Fisterra

Dada as características xeomorfolóxicas e a súa aparencia, o monte Facho de Fisterra é identificable no mar a gran distancia pola súa “silueta inconfundible”, como lemos en Costa do Solpor, a novela de Lema Suárez, “pois é coma unha man estendida no océano”. Por esa aparencia e situación estratéxica converteuse nun referente histórico para a navegación, e por iso foi colocado aquí, para mellor axudar á navegación, un dos primeiros faros do estado español, dos chamados de primeira orden ou de recalada, xunto ao das illas Sisargas e cabo Machichaco. O faro veu substituír ao facho, que deu nome ao monte, e ao facheiro que o acendía e tiña tino del.

Lembro, hai xa uns anos, unha mostra de cartografía na biblioteca pública de Nova York. Ao entrar nunha sala, mesmo en fronte da porta, había unha vitrina cunha folla do atlas de Hendrick Doncker, de 1659. Era a folla correspondente á península Ibérica, “Hispangiem”, pero a representación da mesma non era a usual, pois o Cantábrico non estaba arriba e Xibraltar abaixo. Abaixo estaba o Atlántico, Xibraltar á dereita e o Cantábrico á esquerda, é dicir, víase a península Ibérica como vindo polo mar desde o oeste e Fisterra era o lugar onde comezaba a terra firme e organizaba toda a folla; era o punto referencial. Entrando na sala alí estaba o punto de Fisterra como un imán que nos atraía e marcaba o rumbo a seguir na exposición. Ao igual que na inmensidade do mar, Fisterra era a referencia para orientarnos, para marcar o noso rumbo.

Folla do Atlas de doncker. National Library of Australia

Hendrick Doncker traballa nun momento no que os holandeses buscan tamén navegar as augas do mar cos seus barcos. Ofrecerá mapas e libros para os navegantes, nun tempo no que se empezaban a ensanchar os camiños do mar e se reclamaba información para seguir eses camiños con máis seguridade e, dise, o mapa de Doncker era o que tiña a información máis completa, nuns momentos no que moitos deses mapas e cartas mariñas eran copias doutras, polo que a información era mala. Neste sentido, Doncker quixo apartarse desta tradición “copista” e ofrecer información de primeira man, aínda que hoxe saibamos que non era correcta do todo.  Así, vemos que todo o norte da península Ibérica está ocupado só por “Biscaja” e “Galisse”, chegando esta desde o norte de Portugal até Santander, ou que a nosa costa está inzada de illas. Mais, nunha edición posterior, é Biscaia a que chega até a ría de Ribadeo. Pero o que si está moi ben definido é que Fisterra era un lugar clave, un punto referencial que, como tal, aparecerá sempre nas cartas destes primeiros momentos da cartografía moderna.

Case un século despois Sarmiento imaxina a Galicia como un cadrado onde dous dos seus lados están bañados polo Océano. O ángulo que divide eses dous lados mariños, occidental e setentrional, “no es menos que el famoso Promontorio o cabo de Finis terre”. Para o ilustrado bieito o cabo de Fisterra divide os portos en altos e baixos e defíneo como “peligroso cabo”. Conta que vindo por Ponteceso atopou un patache con mariñeiros de Pontevedra que viñan cargar cacharros de Buño. Sorprendeulle que viñeran de tan lonxe a buscar unha mercadoría tan pouca apreciada, e era lonxe porque este país está “quan a trasmano”, que para chegar a el mesmo era preciso dobrar o cabo de Fisterra.

O naturalista e explorador xermano Alexander von Humboldt cita nos seus textos varias veces o promontorio fisterrán. A primeira vez que pasou navegando fronte a Fisterra fíxoo de noite e non o viu. Cando espertou pola mañá  sorprendeuno un mar en calma e golfiños seguindo a estela do barco. Volvería pasar por diante de Fisterra e contemplar a silueta do monte Facho, pois dinos que en alta mar a montaña granítica que conforma o cabo Fisterra avístase desde unhas dezasete leguas. Como gran observador que era, compara o promontorio fisterrán co Teide ou co Pão de Açúcar, dos que di que son os maiores monumentos que a natureza erixiu para orientación dos navegantes.

E podiamos seguir con máis apreciacións. So queremos recalcar e universalidade deste lugar e o valor cultural na construción dun patrimonio común occidental, un valor en construción desde os tempos en que, parafraseando a Fernando Pessoa, podemos dicir que os navegadores antigos tinham uma frase gloriosa: "Navegar é preciso; viver não é preciso", algo que, despois, cantaban Caetano Veloso e Chico Buarque. Pero este valor é construído desde o mar, mais o Facho ten tamén outros valores construídos desde o habitar do día a día.

 

As Aberturas. Memorias e paisaxes

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie "De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir”", por Manuel Vilar

Fonte

  • Redacción e fotos de Manuel Vilar para QPC.

Comentarios