Martes. 23.04.2024
El tiempo
Mario Maceiras
09:15
27/12/11

Fusión de concellos e comarcalización: A pescada que morde a cola

Fusión de concellos e comarcalización: A pescada que morde a cola
Moito se rila neste tempo sobre a necesidade de aforrar custos na xestión institucional, e desde logo, na importancia de racionalizar o territorio de xeito que se manteña o servizo ao cidadán con menos bureau. Porén, na guerra do aforro, esta arma pode ser de dobre fío. Para comezar, non ten ningún sentido sequera pensar en fusión de concellos sen antes suprimir, sen máis, as deputacións, o ente máis derochador, ineficiente e artificioso que temos neste momento. Calquera formación que esixa o primeiro sen antes pular polo segundo minte ou practica a máis evidente das demagoxias. Das grandes forzas políticas galegas, só o nacionalismo mantivo durante anos unha postura coherente neste aspecto que moitos agora parecen ou pretenden obviar cando este debate salta á palestra. As demais opcións modulan a súa crítica aos entes provinciais en función da súa representatividade ou poder nas mesmas. En segundo lugar, por orde lóxica, está o asunto da comarcalización do territorio, un debate aberto desde os tempos de Castelao e nunca resolto. A priori parece a forma máis viábel de aglutinar os territorios debaixo do paraugas autonómico, pois as comarcas son funcionalmente as que poden observar unha relación socioeconómica máis estreita entre a veciñanza de todo o seu territorio. Porén tradicionalmente este marco deixouse en mans de entidades opacas que remataron absorbendo e malgastando millóns de euros do erario público; na nosa comarca temos boas mostras destes modelos de xestión fracasados con fundacións comarcais ou determinadas asociacións que remataron convertidos no chiringuito de catro. Unha experiencia interesante poderían ben ser os GDR, que procurou a integración horizontal de entidades representativas do tecido social real, se ben as súas limitacións funcionais son moitas. En terceiro lugar, está a cuestión dos municipios. Se ben é certo que a perda de poboación limita e mesmo obriga a replantexarse a viabilidade de moitos deles, en Galiza tamén entra en xogo un factor nunca o suficientemente valorado desde os despachos institucionais: a atomización que caracteriza as nosas poboacións rurais. O exemplo das grandes cidades galegas indica cales adoitan ser os froitos desta falta de visión: o esforzo inversor prima sempre os grandes núcleos urbáns e desatende case absolutamente os rurais. Outro argumento corrente é o da insubstentabilidade de moitas entidades municipais. Nin tan certo: desde as administracións sempre se lles ensinou que endebedarse estaba non só permitido senón ata aconsellado en case calquetra circunstancia. Ata que estoupou iso chamado crise, claro. Quen antes era concello exemplar por contar con numerosas beirarrúas, farolas, xardíns ou auditorios a conta de hipotecarse por anos, agora pasou a ser o malo da película. O que poucos din é que boa parte da capacidade financieira dun concello vaise a servizos básicos que as administracións maiores néganse a asumir. Outro dato que nunca se aclara é o cariz que tomarán estas eventuais fusións: van respectar a ordenación tradicional do noso territorio, ou vaise converter nunha suima de apéndices ao núcleo urbano de turno? De ser o segundo, a destrución do noso xeito de vida está en xogo, nada menos. Por último, e máis importante, está a cuestión autonómica. Unha nova onda recentralizadora non vista desde a transición estase a apropiar do debate político, tentando ofrecer a imaxe de que todo estrato institucional inferior ao estatal só supón dispendio, corruptela e ineficacia. Chegamos a escoitar que "o estado non pode manter a 17 cámaras de vagos", tratando aos parlamentos como concesións aos radicais nacionalistas. Novamente os analistas erran intencionadamente o tiro: o que si foi absurdo é a creación dunha ducia de cámaras autonómicas que nunca responderon a necesidades reais dos seus cidadáns, senón á ansia de non ser menos que quen se gañara por loita, historia e dereito propio o recoñecemento máis ou menos extenso da súa soberanía política. Ese é o gran fracaso da Transición. A folla de ruta deseñada para a normalización política en Galiza, Euskadi e Catalunya rematou converténdose nun pan para todos de nefastas consecuencias. Ese modelo xa non serve nin para as nacións orixinalmente destinatarias desas medidas, que seguen a precisar máis competencias e financiación para garantir que as súas políticas sexan as que o cidadán realmente precisa, mais que habitualmente lle son negadas co argumento de "non cho dou, que senón teño que darllo aos demais". A pescada que morde a cola. É imprescindíbel un proceso serio que pondere absolutamente todos os factores e tamén que de respostas acaídas á nosa realidade económica, social, histórica, ambiental e cultural, co cidadán na cabeza e a Galiza no corazón. Se este proceso o van liderar tecnócratas con puros criterios rendibilistas, mellor será quedarmos como estamos.
  • Mario Maceiras: Secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Máis artigos en O Prouxiarado

Artigos de Lorena Martínez Canosa: A Costa en Verde

Máis novas medioambientais

Vídeos de natureza

Fonte

Comentarios