Venres. 29.03.2024
El tiempo

A pintora Lolita Díaz Baliño protagonista do febreiro da Galería Mulleres

Galeria Mulleres Muxia- lolita diaz baliño-Febreiro 2021
A pintora Lolita Díaz Baliño protagonista do febreiro da Galería Mulleres

Pouco, moi pouco recoñecemento ten ata agora a pintora Lolita Díaz Baliño (A Coruña 1905-1963). Pero este ano dedícaselle o Día da Ilustración, sendo a primeira muller homenaxeada nesta celebración. De aí que Viki Rivadulla queira homenaxeala tamén dende a Galería Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía, tras case 11 anos e máis de 130 mulleres recoñecidas.

Xunto con Carmen Corredoyra son as dúas primeiras mulleres en entrar na Real Academia Galega de Belas Artes (1938), e tamén foi das primeiras mulleres profesoras da escola de Artes e Oficios

Lolita Díaz Baliño foi unha pioneira que desafiou convencións sociais da época. Viña dunha familia de artistas, eran moitos irmáns , entre eles Camilo Díaz Baliño -con quen inicia a aprendizaxe artística-, Indalecio que foi director da Escola de Artes e Oficios da Coruña e Ramiro tamén artista. Foi tía de Isaac Díaz Pardo.

Tradicionalmente as mulleres tiñan difícil desenvolver a súa carreira de artista, inmersas nun sistema patriarcal que potencia aos creadores masculinos e que se mantén a día de hoxe. Durante demasiado tempo os estudos artísticos eran de difícil acceso para elas, e cando lograban desenvolvelos era baixo un modelo recortado que impedía, por exemplo, o acceso á figura espida.

Na época na que vive Lolita o rol da muller estaba limitado a ser un “anxo do fogar”, mais o feito de que na súa familia fosen cultivadas as artes tivo unha influencia positiva para ela.

Destacou como gran debuxante e acuarelista e foi profesora de debuxo. Formou a moitos artistas que co tempo chegarían a ser grandes figuras das artes.

Nos seus comezos fixo fotografía participando con 19 anos nun certame do Círculo de Artesáns da Coruña. Pronto pasará á pintura.

O seu traballo desenvólvese moi ligado á ilustración, deseño de carteis, revistas , portadas … mais tamén á pintura. No ano 1929 recibe bolsa da Deputación da Coruña para cursar estudos superiores de Belas Artes en San Fernando. Proxecto ao que nese momento renuncia, e que retoma anos máis tarde pola súa conta xunto á súa discípula Carmen Arias. En 1934, convértese nunha das fundadoras da Asociación de Artistas da Coruña. Participa na Exposición Nacional de Barcelona en 1942 e na Internacional de Belas Artes en 1960

Na obra de Lolita podemos apreciar influencias do Art Decó e o modernismo nunhas figuras elegantes e estilizadas con gran dominio do debuxo e tamén influencias das súas fondas raíces galeguistas, creando unha iconografía propia chea de simbolismo e moi colorista. Indagou tamén no traxe galego, facendo figuríns sobre o mesmo. Interesouse polos encaixes de palillo da Costa da Morte e percorreu varias vilas coa idea de formar unha cooperativa para o coidado e promoción desta artesanía.

Mais a pesares da calidade da súa prolífica obra e de ser unha muller que abriu camiños a moitos/as outros/as artistas, Lolita Díaz permaneceu esquecida durante moito tempo.

Recentemente na mostra Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975, comisariada por Rosario Sarmiento, comparte espazo con outras artistas galegas. No presente ano a Fundación Luís Seoane proxecta unha exposición sobre Lolita Díaz, tamén comisariada por Rosario Sarmiento.

Artigo relacionado

11 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios