Xoves. 28.03.2024
El tiempo

10 anos no ronsel da Galería Mulleres

Pintura A Pensadora de Viki Rivadulla
A Pensadora, da propia Viki Rivadulla, serve para ilustrar os 10 anos da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía
10 anos no ronsel da Galería Mulleres

“A xeración á que pertenzo, (posterior á Segunda Guerra Mundial), medrou nunha época
na que á muller se lle trataba coma unha nena e unha propiedade. Mantíñaselle coma unha
horta en barbeito...pero, por sorte, o vento sempre leva consigo sementes silvestres. A pesares
de que non se aprobaba o que escribían, as mulleres seguían traballando con afán. A pesares
de que non se lles recoñecía o menor mérito ao que pintaban, as súas obras alimentaban o
espírito. As mulleres tiñan que suplicar a fin de conseguir os instrumentos e os espazos para a
súa arte e, se non obtiñan nada, atopaban o seu espazo nas árbores, nas covas, nos bosques
e nos roupeiros”.

Clarissa Pinkola Estés. Mulleres que corren cos lobos

Este marzo cúmprense 10 anos do Programa Galería Mulleres do Concello de Muxía. Comezamos en marzo de 2010. Foi un empeño persoal sacar este programa no que mes a mes visibilizáramos a aportación das mulleres á sociedade e ós diferentes ámbitos culturais, científicos, o deporte , o activismo… e tiven o apoio do Concello para poder facelo dende aí, dende o meu posto de traballo.

Hoxe podería contarvos por que facemos  este programa cada mes, os seus obxectivos, a necesidade de seguir falando do traballo das mulleres e dando visibilidade… pero logo de dez anos creo que xa coñecedes a Galería a os seus obxectivos e QPC ten moito que ver nisto, mes a mes dándonos difusión (moitas grazas, Ubaldo). O que hoxe gustaríame contarvos é o que significou para min, e significa, a nivel persoal levar esta Galería Mulleres. 

En primeiro lugar teño que dicir que a Galería foi unha ferramenta importante de coñecemento, que dalgún xeito foi cambiándome a vida. Pois se xa o feminismo era unha parte importante do meu ser, mesmo dende que o era de xeito inconsciente canda nena, dende hai anos é a filosofía que xa dun xeito consciente e decidido impregna toda a miña vida e a miña obra,  e traballar na Galería Mulleres foi unha vía de coñecemento fundamental que completou e guiou a miña formación. Porque no camiño do empoderamento e liberación dunha muller, a formación é fundamental. E estamos a falar de auto formación, xa que temos que deconstruír todo o que nos transmitiron para logo construír o novo sistema de coñecementos e valores que sustenta a nosa forma de estar no mundo. No currículo das facultades e das escolas nada disto se ensina aínda. E as mulleres seguen a estar fóra dos libros de texto e non son presentadas como referentes. Por iso temos que procurar recursos e estratexias que nos axuden a reconstruír a historia do saber dando paso a toda esa marea de mulleres silenciada ao longo dos séculos

E aí estivo a Galería como recurso de auto formación e procura. É un recurso de cara a fóra, que dende o Concello de Muxía ofrecemos a quen queira achegarse a ela e tamén é un recurso para quen vos fala xa de xeito persoal.A Galería levoume a ler en tempo record moitas obras de mulleres. Eu xa son unha lectora empedernida, e penso que a lectura é unha das ferramentas de empoderamento máis potentes que existe, mais coa Galería cheguei a obras ás que igual tardaría máis en chegar ou ben non tería chegado. É curioso tamén ir comprobando como unhas mulleres levábanme a outras. É como se me colleran da man e me presentaran ás súas compañeiras. Estón infinitamente agradecida por todo o que lin e por todo o que aprendín e continúo aprendendo. Preocupeime non só de buscar a protagonista do mes, senón de coñecela, de ler dela e sobre ela e no caso das galegas contemporáneas, contactei persoalmente con case todas para pedirlles asesoramento á hora de facer o cartel e a biografía.

Afondar nas vidas de todas estas mulleres, e na súa obra, lémbrame o que dicía Novoneyra, que limpando as cousas do faiado da casa familiar sentía que andaba a tocar as mans dos antepasados. Algo así sinto eu.  

Facendo a Galería sinto que falo con esta mulleres. Síntoas moi cerca de min e dan sentido a moitas cousas da miña vida. Penso na luz que elas trouxeron  á miña vida e na forza que me dan. Porque elas contan todo o que pasaron, o que loitaron e son un referente para min . 

Sinto tamén que formo parte dun ronsel de mulleres que vén de lonxe e seguirá no futuro e que todas estamos aí dando luz unhas ás outras. Moitas faláronme coa súa obra e a súa vida de todas as presións que tiveron que soportar. Tristemente, atopei algunhas que deixaron o camiño para vivir as vidas que en realidade non eran as súas. Alonxándose do seu verdadeiro ser. Algunha acabou na loucura ou no suicidio. Por non falar de cantas foron asasinadas, queimadas, guillotinadas, despoxadas de todo ou aldraxadas...O camiño das mulleres nunca foi doado, hai moita dor e moita loita detrás.

Mais todas formamos parte do ronsel. As que viñeron antes e as que han vir. E dalgún xeito reconforta pensar que todo o que fagamos vai seguir adiante neste ronsel imparable , un ronsel que ten cambiado o mundo máis que calquera outra revolución. É a revolución pacífica das mulleres. “É a primeira revolución da historia con estas características; unha transformación que se fai mediante a palabra, a argumentación e o convencemento; mediante a reclamación de xustiza e a transformación das leis e das mentalidades.” dicía Mª Xosé Queizán en Anti Natura. E igual que o traballo das mulleres cambiou o mundo, a min esta Galería cambioume a vida , porque entrei en lugares nos que non entrara antes, ou volvín entrar nos que xa coñecía,  en fermosos bosques de coñecemento, de compromiso, de creatividade... agora que estón acompañada por todas elas, o camiño non ten marcha atrás.

Remato insistindo en que con esta Galería queremos contar como a creatividade das mulleres foi sempre e é  un pozo sen fondo a pesares de ter todo en contra. E non só para crear e desenvolver os seus traballos en calquera eido, senón mesmo para atopar o xeito de facelo fuxindo do lugar onde se nos quería deixar.  Saír do lugar que o edificio patriarcal ten para nós é un exercicio de conciencia e de valentía que non sempre pode manterse. Todas as mulleres da Galería son anomalías dun sistema que tiña para elas outro papel, mais elas deron o paso de tomar as rendas das súas propias vidas, rachar estereotipos e rachar barreiras. E as que conseguiron sacar adiante o seu proxecto de vida son semente para as alas que nos han medrar ás demais.

Convídovos a ler obra de mulleres e contemplar as súas obras artísticas, a escoitar a súa música e ler as súas biografías; nas súas obras está a súa dor, a súa suor e bágoas, o seu saber, o seu calor e a súa palabra amiga e sorora e tamén a súa alegría, creatividade, forza , compromiso a rebeldía e o goce de vivir como mulleres. Non perdades esta riqueza de saber e emocións. (Na biblioteca de Muxía hai unha sección dende o ano 2008 que é a Biblioteca da Muller, outro empeño persoal no que conseguín o apoio do Concello e aí está, a única na comarca e das poucas no país; habería que continuar mercando obras fundamentais do feminismo e de autoras indispensables para nutrila e mantela viva, aí o deixo para quen queira escoitar)

Secularmente silenciadas, ocultas tras as sinaturas dos seus homes, seus pais ou seus patróns… máis xa o tempo dos patróns rematou. E agora vogamos nós! 
 

10 anos da Galeria Mulleres de Muxia

10 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios