A escura lembranza do Prestige

Mar da morte
Santi Borrell i Giró
Vilafranca del Penedès: Edicións de Pedra, 2017, 144 páxinas
O poeta catalán Santi Borrell i Giró (Vilafranca del Penedès, 1972) vén de publicar Mar da Morte, en edición bilingüe catalán/galego, coa tradución á nosa lingua por parte do poeta Amauta Castro, e que se presentou en Galicia nos mesmos días que diversos actos lembraban o 15 aniversario do desastre ambiental provocado polo afundimento do petroleiro Prestige fronte á nosa costa.
Trátase do terceiro poemario de Santi Borrell, segundo sinala a lapela, despois de dúas obras que xa esgotaron as primeiras edicións Els dies a les mans (2010) e Fragments d'unha pedra (2013), un autor que organiza eventos como o Festival de Poesia a les Caves (Sant Sadurní d'Anoia) ou a Kinzena Poetika (Vilafranca del Penedès) e que impulsou o Manifest de Poetes Catalans per la Independència (outubro de 2014) coa adhesión de trescentos poetas.
A obra é en realidade un único poema de longo alento, estruturado en cinco partes, sempre coa versión galega en páxina esquerda e ao seu carón na dereita o orixinal catalán, e principia cos versos: "O futuro lembrará esta data. / Lembraráa o mar. / Lembraráno os peixes. / Lembraráno as árbores. / Lembrarán aquelas imaxes, / aquelas casas azuis / que queimaban o mar".
("El futur recordará aquesta data. / Ho recordará el mar. / Ho recordaran els peixos. / Ho recordaran els arbres. / Recordarán aquelles imatges, / aquelles cases blaves / que cremaven el mar"). E un derradeiro verso, en letra negra, grosa e ben grande que aparece igual na lingua de orixe e na lingua de chegada: Nunca máis. / Nunca amáis?
A obra ten moito de colaxe literaria, non só polos diferentes tamaños de letra que se van alternando ao longo do texto, senón por incluír tamén inseridos no propio discurso algúns debuxos, unhas fichas de dominó, unhas cruces, unhas frechas..., a xeito de poesía visual, que na literatura catalana tivo ilustres cultivadores como o vangardista Joan Brossa (1919-1998).
A primeira parte céntrase nos momentos previos á traxedia, con topónimos ben coñecidos na navegación como o Golfo de Biscaia ou Fisterra, cos versos a revelaren o impacto das ondas de sete e oito metros, o escoramento do barco, o pánico, as chamadas de socorro (Mayday. Mayday) que non son escoitadas polas autoridades marítimas e daquela "o petroleiro converteuse nunha caixa baleira de lembranzas" ("el petrolier s'ha convertit en una caixa buida de records"), unha embarcación da que se nos ofrecen todos os seus datos técnicos, o ano de construción, o armador, a bandeira de conveniencia, a carga, a data e o porto de saída, o destino sen confirmar do mercado negro ou o nome do seu capitán, Apostoulos Mangouras, a día de hoxe a única persoa condenada polos tribunais de xustiza. E a voz poética procura outros culpables nos nomes de destacados dirixentes do goberno de España e na súa incompetencia total, para rematar con preguntas retóricas a Hamlet, a Horacio ou a Ofelia.
A segunda parte lembra a errática viaxe e o afundimento do petroleiro fronte ás costas de Muxía, a que se denominou zona cero da traxedia, e como chegou a marea da solidariedade e o primeiro voluntario: "Oriol Roselló foi fotografado / co seu corpo enteiro coberto de fuel, / como se quixera absorver toda a escuridade do mar" ("Oriol Roselló va ser fotografiat / amb tot el seu cos cobert de fuel, / com si volgués absorbir tota la foscor del mar").
A paisaxe da costa, co bafo do mar que chega ao cabo Vilán, énchese das máscaras das persoas voluntarias que traballan arreo en minguar os efectos do desastre, e novamente a denuncia cos versos a lembraren as duras condicións de traballo ou como recibe ameazas de morte Josep Figueras, coordinador de voluntariado, mentres milleiros de corros electrónicos corren pola rede.
Na terceira parte o poema devén escena teatral no diálogo surrealista das diferentes autoridades que non souberon que facer co petroleiro mentres "o mariñeiro Xoán ollou o medo" ("el mariner Xoán ha vist la por"). Os nomes de Rajoy ou Arias Cañete, ministros do goberno Aznar, acompañan a carencia de respostas ás demandas da poboación costeira, e "ai, Muxía, a ti chegha esta flor negra" ("ai, Muxía, a tu t'arriba aquesta flor negra") e axiña o fluel xa chega até as costas portuguesas.
A cuarta parte principia na data na que "o petroleiro baixa até o fondo da noite" ("el petrolier baixa fins al fons de la nit" e son infectadas as gándaras e os espazos naturais mentres o ministro Rajoy fala da solidificación e non menciona a expresión marea negra. Ducias de topónimos da nosa costa exemplifican o tamaño do desastre e o discurso poético relata como os mariñeiros saen ao mar coas súas propias mans e chega tamén a inesquecible manifestación de Nunca Máis, aquela dos paraugas negros a rebordar as rúas de Compostela.
A marea negra esténdese até Portugal e por todo o cantábrico, mentres "os voluntarios, con fato branco, / semellan supervivintes dun desastre atómico, / semellan antigos profetas, a facer o camiño de Santiago" ("els voluntaris, amb granota blanca, / semblen supervivents d'un desastre atòmic, / semblen els antics profetes, fent el camí de Santiago"). E entre as lembranzas, Man, o anacoreta de Camelle, a morrer de tristura.
E na quinta e última parte a esixencia da depuración de responsabilidades políticas, unha demanda da cidadanía que aínda a día de hoxe está sen satisfacer, ao tempo que "a vila de Muxía é un plató de televisión / os xornalistas buscan os tópicos de sempre, / o sensacionalismo das perruquerías" ("el poble de Muxía és un plató de televisió / els periodistes busquen els tòpics de sempre, / el sensacionalisme de les perruqueries"), e a esperanza que chega da(s) man(s) da mobilización popular contra as grandes corporacións da industria enerxética e do capital que patrocinan a traxedia do mar e a quen se responsabiliza da predación das materias primas e da destrución ambiental. Velaquí a utilidade tamén da Poesía.
En definitiva, Mar da Morte é un cántico ecolóxico e en defensa do noso medio ambiente, coa mesma intensidade que na nosa poesía representan poñamos por caso os poemas de Himno verde (1992) de Bernardino Graña ou as antoloxías que se publicaron despois da catástrofe do Prestige: Alma de beiramar (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega), Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (cooeditado por Espiral Maior / Xerais) e Sempre Mar (Colectivo de artistas Burla Negra), aos que se xuntarían varias obras narrativas e de literatura infantoxuvenil que tiveron como eixo o chapapote.
- Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Artigos de Miro Villar en QPC
-
A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (2ª parte).
- Unha crítica á celebración do 12 de outubro nos versos de Antón Zapata García.
- Novos testemuños do franquismo de Eugenio López López.
- A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense:
- A fundación en Bos Aires do xermolo da «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión» e a unificación coa «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía».
- Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte.
- Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947.
- A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial.
- Efeméride: No 80 aniversario da publicación de «Na morte de Lexandro Bóveda» de Antón Zapata García.
- Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García.
- Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche.
- Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte.
- «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón.
- Paco Souto, in memoriam.
- Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira
- “A relixión do mar”, de Xosé Iglesias Lamela.
- Efeméride: 120 anos do naufraxio do «City of Agra» e un poema de Antón Zapata García.
- “O pino de Corcubión”, un poema de López Abente.
- Nos 80 anos (1936-2016) dun decembro negro na Costa da Morte.
- O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López.
- Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23/10/1898 – 1977).
- No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee.
- «A Virxe d’a Barca», un poema de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917.
- Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952.
- Adagio por outono.
- A xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 a Fisterra.
- «Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016).
- A vinte anos I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario.
- O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra.
- No natalicio do escritor emigrante muxián Victorino Abente Lago.
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (III).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (I).
- Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega.
- Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López.
Novas relacionadas
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.
- De pescos a montañeses. Os verdadeiros xentilicios da Costa da Morte.
- Os versos de Miro Villar musicados en clave indie.
- Miro Villar, un contacontos de primeira.
- Miro Villar espallou os seus haikus do Finisterrae Bretón pola costa ártabra.
- Miro Villar rebélase na charca da poesía para nenos.
- As Crebas de Miro Villar premiado como o Mellor Blogue Literario pola AELG.
- Miro Villar explica por que rexeita o Faro Nerio.
- Miro Villar: Estranxeiro na súa patria.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).