Sábado. 11.07.2020
El tiempo
Miro Villar
11:34
25/08/17

A fundación en Bos Aires do xermolo da «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión» e a unificación coa «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía»

A fundación en Bos Aires do xermolo da «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión» e a unificación coa «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía»
Revista Alborada ABC Corcubion

Neste mes de agosto conmemórase o 95 aniversario da fundación en Bos Aires do xermolo da «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión» e tamén nestas datas o 79 aniversario do proceso de unificación coa «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía».

O historiador betanceiro Xesús Torres Regueiro, especialista á hora de estudar estas entidades, sinala que o día 26 de agosto de 1922 se fundou, en Bos Aires, a «Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión», para tratar de romper certo minifundismo polo feito de existiren varias sociedades de emigrantes da devandita comarca. En 1927, a entidade pasa a chamarse de maneira definitiva e até hoxe «Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión», máis coñecida como a ABC de Corcubión. Porén, os inicios non estiveron exentos de atrancos, pois xa no ano 1923 sufriu a escisión dun grupo que creou a «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía». Tras dezaseis anos de autonomía, os muxiáns volverían de novo ao seo da ABC, grazas á actitude de persoas como o poeta Xervasio Paz Lestón.

Así a todo, o proceso de fusión non foi doado, como recolle en varios números Galicia, Órgano da Federación de Sociedades Galegas. En 1935, con Paz Lestón na presidencia da SACD de Muxía, a entidade empeza unha política de cordial achegamento coa ABC de Corcubión. De feito, as dúas xuntas directivas colaboran, de maneira recíproca, para garantiren o éxito dos festivais que cada sociedade realiza. Nesa tesitura, o poeta muxián propón un proxecto de resolución para designar unha comisión encargada de xestionar un acordo coa ABC. A exposición do presidente é recibida con beneplácito pola maioría da asemblea extraordinaria convocada en novembro de 1935, se ben houbo voces que se manifestaron abertamente en contra.

Pouco despois é nomeada a devandita comisión, na que figuran o propio poeta e outros dous directivos da entidade, para formaren unha Comisión Mixta con outros tres membros da ABC. Logo de varios encontros, aproban un proxecto de fusión que se somete ao estudo e consideración das asembleas das dúas sociedades. A SCAD de Muxía celebra unha reunión conxunta de membros e ex-membros da súa directiva, na que Paz Lestón defende a unificación e por maioría deciden levar o tema a unha asemblea da entidade, aínda que xa se escoitan as primeiras voces de oposición. Finalmente, na asemblea extraordinaria do 19 de abril de 1936, logo dun debate «en un ambiente cálido y emocional por el calor y la convicción que ponían en sus palabras los distintos oradores», os contrarios á fusión conseguen rexeitar o proxecto por maioría. Nese momento, o noso poeta abandona a presidencia, renunciando a calquera cargo nunha Comisión Provisional que queda formada por cinco socios. Ademais, escribe unha durísima carta (publicada en Galicia, 465, do 26 de abril de 1936), na que sinala entre outras cousas:

 
  • La actitud de los consocios que han imposibilitado la elección de autoridades con su negativa a ocupar cargos, después de haber votado en contra del proyecto de unificación o haberse abstenido, denota en los mismos incompresión de las cosas o un cerrado egoísmo.
 

Así a todo, despois da tempestade vén a calma e a penas dous anos despois a fusión da SCAD de Muxía coa ABC de Corcubión vai ser efectiva. Nos números de Galicia e na propia revista da ABC, Alborada, varios textos informan da decisión tomada, por gran maioría de votos, nunha asemblea extraordinaria da primeira entidade que se realizou o 20 de marzo de 1938. Ese día xúntanse dezaseis asociados, producíndose un longo debate, despois do que se vota a proposta de fusión. Agora, o resultado vai ser de trece votos favorables e tan só dous en contra. Ademais, noméanse os tres integrantes da Comisión Mixta de Unificación. Nela figuran Rafael Pose, daquela presidente, Manuel Caamaño Leis e o poeta Xervasio Paz Lestón. A negociación é rápida e fluída, e poucas semanas despois a comisión mixta unificadora, da que forman parte tres representantes de cada entidade, aproba unhas Bases, de cinco puntos, que supoñen na práctica a integración da primeira na segunda, coa entrega do activo e o traspaso dos asociados. De seguido, convócase unha asemblea extraordinaria da ABC de Corcubión que ten lugar o 28 de maio do devandito ano, ratificando o acordo de fusión. E o 20 de agosto de 1938 celébrase unha cea «Festejando la Unificación», cun curioso menú que inclúe produtos de todos os concellos: «sardiñas asadas, de Camariñas, caldo de grelos á fisterrana, caldeirada de pulpo á muxiana, pólos asados de Cee e Dumbría, fruta surtida de Vimianzo, café, estilo de Zas e Corcubión e viños do ribeiro, branco e tinto».

A revista Alborada, da ABC de Corcubión (fundada en agosto de 1925), no nº 102, de 1938, nun artigo que leva por título «La unificación de la Sociedade de Mugía» fai público o inventario do que se fan cargo. Finalmente, no nº 103, de 1939, engaden unha relación dos socios da SCAD de Muxía que se incorporan na data da fusión, feito co que remata o longo proceso de unidade.

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Novas relacionadas

 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

comentarios