Venres. 19.04.2024
El tiempo
Miro Villar
11:30
21/06/17

Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García

Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García
Anton Zapata Garcia Anton Zapata García

Tal día coma hoxe, o 20 de xuño de 1953, o poeta Antón Zapata García fina en Bos Aires á idade de 67 anos, malia que a acta de defunción indica que o óbito se produciu o día 21. En sinalar o día anterior coinciden os xornais máis importantes da diáspora galega. De feito, Galicia e Opinión Gallega, publican cadansúa nota necrolóxica. (Cfr. «Antonio Zapata García, ha fallecido», Galicia, nº 1204, Bos Aires, 22 de xuño de 1953, e «Falleció Zapata García», Opinión Gallega, nº 141, Bos Aires, xuño de 1953). No seu breve artigo o voceiro da Federación de Sociedades Gallegas sinala:

Ya en prensa nuestro periódico, nos llega la infausta noticia de que un gran poeta gallego, Don Antonio Zapata García, acaba de fallecer.
Con este gran señor de la rima galaica, pierde Galicia a uno de su más reacios y positivos valores y la colectividad gallega, al máximo representante de su idioma vernáculo y al más apasionado y fiel poseedor de los misteriosos secretos que encierra el mar, que en páginas magistrales nos fué dando a conocer a través del siempre invalorable tesoro de sus versos, con la inspiración y la maestría que su cultivado y excepcional estro era capaz, invariablemente animado por la obsesionante esperanza de tornar un día al inolvidable Lage de sus ensueños y de sus ansias, al que supo cantar enjundiosas e imperecederas rimas.
Cuando se llegue a valorar en su exacta y justa valía la obra de este excepcional poeta gallego, no cabe la menor duda de que los inspirados versos de este delicado captador de hondas emociones, llamado Antonio Zapata García, constituirán los versos de cabecera para los espíritus gallegos de selección.
Nuestro exquisito gran poeta falleció a los sesenta y siete años, habiendo llegado a la Argentina a los dieciseis, en el año 1903. GALICIA, que honró sus columnas con sus trabajos de excepción en múltiples ocasiones, comparte el dolor de su señora esposa y el de su hija, en esta encrucijada en la que el destino pone aprueba los espíritus privilegiados.

A nota de Opinión Gallega é moito máis breve, pois se trata dun apuntamento de urxencia para informar do seu pasamento, testemuñarlle o pesar da redacción do periódico aos familiares do poeta «dejando para el próximo número el dedicarle el comentario que merece el recio cantor del tempetuoso mar de nuestro Finisterre». En efecto, no número do mes seguinte (Cfr. «Antón Zapata García. Poeta e patriota galego», Opinión Gallega, nº 142, Bos Aires, xullo de 1953), insírese o artigo «Antón Zapata García. Poeta e patriota galego», que reproducimos polo seu interese:

  No derradeiro número non tivemos tempo, mais que de dar a noticia escueta do pasamento de Zapata García ocurrido o 20 do pasado Xuño nista capital. Hoxe queremos adicar unha afervoada lembranza a quen soupo honrar a Terra nai no decorrer de longos anos de emigrante.
   Era un rapaz, cando respondendo co misterioso sino do noso povo, deixou seus eidos bergantiñáns pra emigrar a estas promisoras terras arxentinas. Eiquí chegóu no ano 1903 ¡Eiquí viveu en permañente solidaridade espritual coa patria Galiza! Medio século de permañente devoción as esencias máis puras da galeguidade; cincoenta anos a vivir en afervoamento patriótico galego, e cantar ao mare galego, as penedías da costa da Morte, a heroicidade do noso mariñeiro; tuda unha vida coa ialma alcendida de arelas galeguistas alumiñadas pola saudade. ¡Sempre vivindo co esprítu na Terra e sen endexamáis voltar a ela!
   Raro exemprar humán era Zapata García. Rexo e fosco no esterno, duro no falar e no tratar; i en troques no interno, tiña ialma de neno e morno i enxel curazón de poeta. Non chegou a ollar cumprido seu anceo de recoller nun libro sua abondosa produzón poética, moita dela espallada en revistas e xornaes, e moita inda inédita. Morreu no intre en que se propuña pubricar unha escolma da sua poemática. Ben será que elo se realice, pois a poesía de Zapata García costituye unha singular faceta das nosas letras.
   Zapata García militou nas fileiras dos que, no seo da nosa coleitividade, loitaron pol-os direitos e pola redenzón da patria Galiza. Tamén traballou a prol da outa cultura galega: foi un dos fundadores do orgaísmo que eiquí acadaba fondos pra o Seminario de Estudos Galegos de Compostela até que ficou suprimido pola barbarie falanxista.
   ¡Un irmán galego máis que deixa sua carne e seus osos en terra allea; que morre lonxe dos eidos onde foi nado! Endeben, seu espritu terá voado a ficar por sempre antre os estrondos da rexa maruxada finesterrán, que il amou e cantou.

Canda estas necrolóxicas aparece un epicedio escrito polo poeta Xervasio Paz Lestón, muxián, que mantiña unha boa amizade con Zapata, co que coincidía nas actividades da ABC de Corcubión. Precisamente, o poema foi publicado na revista da entidade (Cfr. Alborada, nº 157, Bos Aires, xuño a setembro de 1953.) da que Paz Lestón era director nesa altura. O texto aparece datado polo autor o día «20-6-1953», corroborando novamente a data do falecemento, e leva por título Campana da Berenguela, ao que se lle engade a lenda «Á memoria do poeta irmán Antón Zapata García, caído na expatriación».

Campana secular da Berenguela que espallastes, un día, ledo son dende a insiñe e petrucia Compostela, pra Galicia ideal da emigración.
Por quen tiña na fronte luz de estrela e no bico a dozor de unha canción xurdida do seu peito en sagra arela, toca agora o dobrar de unha oración.
Dobra pol-o cantor da patria escrava abatido pra sempre en terra extrana suidoso do seu mare laxeirán.
Preside o funeral que a costa brava cantará coa ribeira i a montana, concertados do vento galicián.

Tamén se publicaron senllos artigos necrolóxicos en A Nosa Terra e Alborada, que reproducimos en Anexos, da autoría de Lito López e de Eliseo Alonso. O primeiro era un dos recitadores de máis sona na colectividade galega e a miúdo escollera poemas de Zapata para a súa declamación, mentres que o segundo chegara a Bos Aires no ano 1950 e alí fundou (con Xosé Conde e Teodoro Campos) e dirixiu a editorial e a revista Mundo gallego, onde se publicaron colaboracións de moitos autores da emigración e do exilio, tanto do interior coma do exterior, entre elas varios poemas de Zapata.

Mentres o artigo de Lito López, intitulado sinxelamente «Antón Zapata García» (Cfr. A Nosa Terra, nº 484, Bos Aires, agosto de 1953), está escrito nunha evocadora prosa poética e non ofrece datos de interese sobre a súa obra, o artigo de Eliseo Alonso profundiza moito máis, sen deixar de lado a evocación lírica. O seu título «Zapata García, poeta do mar» (Cfr. Alborada, nº 157, xuño a setembro de 1953) xa avanza a intencionalidade de pescudar no estro poético e, de feito, salienta precisamente a presenza dos elementos mariñeiros na súa poética, así como a importancia da lembranza da vila natal do noso poeta, Laxe. Velaquí un parágrafo significativo:

Outras vegadas, ó verso de Antón Zapata García chega manseliño coma as ondas bicando as amuras das traiñas ancoradas nas loiras areas da sua Laxe nadal:
Bigarros e volutas, estrombos, caracolas, deixaron as mareas cantando barcarolas…
Mais a maioría dos seus poemas son rexos, ten bruares de trebón e traxedias de labouras pesqueiras, envolveitas nun antergo sabor mariñán de lêndas idas.

Porén, a afirmación que máis chama a atención no texto de Eliseo Alonso é cando fai unha velada referencia aos problemas que tivo Antón Zapata García cunha parte da colectividade galega:

Ningún galego pode falar de retornos definitivos. Máis si a miña dorna me leva aos seus mares do Sur, aló voltarei a vivir a poesía mariñán de Zapata García, un tanto incomprendido e magoado en Buenos Aires pol-a broza da nosa coleitividade.

Meses despois do pasamento, en 1954 publícase o seu único libro A Roseira da Soidade, cun prólogo de Ramón Otero Pedrayo, feito a pedimento do editor Manuel Roel Longueira, un texto que se vira obrigado a refacer ao coñecer a morte do poeta e ao que pón remate no mes de nadal de 1953. O debuxo da portada é da autoría do seu sobriño, o pintor Manuel Abelenda Zapata.

Copia da acta de defunción de Antón Zapata García no «Registro Civil da Municipalidad de Buenos Aires», facilitada polo chorado amigo, doutor Juan Gervasio Paz, fillo do poeta muxián Xervasio Paz Lestón Copia da acta de defunción de Antón Zapata García no «Registro Civil da Municipalidad de Buenos Aires», facilitada polo chorado amigo, doutor Juan Gervasio Paz, fillo do poeta muxián Xervasio Paz Lestón Copia da acta de defunción de Antón Zapata García no «Registro Civil da Municipalidad de Buenos Aires», facilitada polo chorado amigo, doutor Juan Gervasio Paz, fillo do poeta muxián Xervasio Paz Lestón
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios