Sábado. 26.09.2020
El tiempo
Miro Villar
13:33
16/01/20

Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate

Antoloxia de Dombate-libro
Antoloxia de Dombate-libro
Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate

Antoloxía de Dombate
AA. VV.
Deputación da Coruña, 2019, 82 páxinas

Vén de publicarse, cos habituais problemas de distribución en obras editadas por organismos oficiais, unha Antoloxía de Dombate, en edición non venal, na que se compilan dezaseis textos de catorce voces en orde cronolóxica, que van desde "O dolmen de Dombate" (Imp. y Lib. de E. Carré: 1895) de Eduardo Pondal até "O dolmen de Dombate" (Poemas que non foron ó lume: 2018), de Matilde Vilariño, pasando por Cándido Pereira Santos; Antón Zapata García; Manuel María; Xosé Luís Méndez Ferrín (en dúas ocasións, con senllos fragmentos das súas novelas Arnoia, Arnoia e Bretaña, Esmeraldina); Xoán Babarro; César Antonio Molina (tamén en dúas ocasións, primeiro o poema "Dombate" do libro O fin de Fisterra. S. C. Valle-Inclán: 1988, e despois un fragmento do ensaio Todo se arregla caminando. Ed. Destino: 2016, sexta entrega das súas memorias de ficción); Xelucho Abella; Alberte Suras; Manuel Rivas; Rafael Lema; Perfecto Varela Vázquez e Rosalía Fernández Rial, para totalizaren oito poemas e oito textos en prosa, dous destes últimos en castelán (de César Antonio Molina e de Perfecto Varela).

O primeiro que sorprende nesta interesante crestomatía é a ausencia de autoría, pois non aparece ningún nome coa responsabilidade da edición literaria, xa que despois da fermosa capa con fotografía do dolmen asinada por Vidal, Cabana, aínda que o fotógrafo José Vidal García (1900-1988) era oriúndo de Laxe, veñen dous paratextos institucionais, unha páxina co «Saúda» do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que reivindica a importancia de conservar este tipo de monumentos, e un «Prólogo» de dúas páxinas que asina Xesús Soto, Deputado de Patrimonio do mesmo ente, moito máis literario, con referencias a Otero Pedrayo, mais tamén a Murguía, aos autores do Seminario de Estudos Galegos e da Xeración Nós e a artistas plásticos como Castelao, Cebreiro, Urbano Lugrís, Seoane, Asorey, Raimundo Patiño ou Díaz Pardo. Neste limiar sinálase que a antoloxía foi promovida polo Concello de Cabana de Bergantiños, polo que pode intuírse a man compiladora de Ángel Eiroa, guía turístico do Dolmen de Dombate nos últimos anos.

De feito, con outra maquetación, o propio Concello de Cabana de Bergantiños puxo en mans da Editorial Caleidoscopio esta mesma Antoloxía de Dombate a un prezo reducido, para que poida chegar a un maior número de persoas interesadas.

Outras ausencias son os criterios para facer a escolla dos textos que figuran e a inexistencia de calquera anotación das fotografías que os acompañan, pois estas imaxes ben merecían a datación e a descrición, hainas históricas con visitantes do SEG e hainas actuais de actividades escolares, de xogos populares ou de concertos que tiveron como escenario a contorna do dolmen.

Malia estas máculas, de doada rectificación en futuras reimpresións, a Antoloxía de Dombate cumpre ben cos obxectivos de divulgación e posta en valor deste singular monumento megalítico, unha anta que mesmo deu nome á lonxeva colección de poesía de Galaxia.Antas-e-mámoas da Costa da Morte

Un labor de difusión, con referencias á literatura, que encetara Xosé María Lema Suárez na súa guía Polas antas e mámoas da Costa da Morte (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, SemEsCom. Vimianzo: 2006), da que existen edicións en español e en inglés e que a entidade tamén dispoñibiliza para descarga de balde nesta ligazón.


 

comentarios