2026: chamar ás cousas polo seu nome

Cada inicio de ano vén acompañado dunha promesa implícita: comezar de novo.

Propósitos, intencións, listas de desexos. Pero este 2026 non se presenta como un ano para os balances amables nin para a mirada individual. Preséntase como un ano que nos obriga a entender o contexto e posicionarnos colectivamente.

Porque o primeiro reto é chamar ás cousas polo seu nome.

O que estamos a vivir non son simples cambios políticos nin un conservadurismo máis ou menos cíclico. O que avanza con forza en distintos países son proxectos extremos e autoritarios, que erosionan o Estado de benestar, atacan os servizos públicos, debilitan a liberdade de expresión e deciden quen é cidadán e quen non, quen merece dereitos e quen queda fóra. Gobernos que sinalan, exclúen e converten a desigualdade en norma. 

Como advirte Siri Hustvedt, estes modelos buscan construír nacións patriarcais, cristiás e brancas, onde os dereitos humanos deixan de ser universais e a democracia se baleira por dentro. Non é unha esaxeración nin unha metáfora alarmista: é unha realidade que comeza a parecerse perigosamente a réximes autoritarios que a historia xa nos ensinou a recoñecer e que non quedan tan lonxe na nosa memoria colectiva.

Este contexto global ten consecuencias directas na vida cotiá. Mentres se relativiza a desigualdade, tamén se normalizan as violencias. En só 14 días deste 2026, catro mulleres foron asasinadas por violencia de xénero. Mentres que ao mesmo tempo asistimos á negación  e a banalización das agresións sexuais, ao cuestionamento dos dereitos das mulleres e á deslexitimación do feminismo como se fose unha ameaza e non unha ferramenta democrática e política.

Non é casualidade. 

Non son feitos illados. Son expresións dun mesmo tempo histórico no que o insoportable corre o risco de converterse en habitual.

Os retos que temos por diante non son pequenos. Defender a democracia nun contexto de polarización extrema. Protexer o Estado do benestar fronte ao seu desmantelamento consciente. Soster os dereitos humanos cando se intenta convertelos en privilexios. E facer fronte a todas as intolerancias que se presentan como opinións respectables.

Este 2026 non nos pide optimismo cego nin silencio cómodo. Pídenos claridade, pensamento crítico e posicionamento. Pídenos non aceptar como inevitable o que é insoportable nin aceptar como inevitable o que é profundamente inxusto e que atenta contra a dignidade humana. 

Chamar ás cousas polo seu nome é o primeiro paso para non resignarnos. 

E se algo sabemos é que ningún avance chegou nunca sen resistencia. Fronte ao autoritarismo, máis democracia. Fronte ao odio, máis dereitos. Fronte á desigualdade, máis feminismo. 

Porque o que está en xogo non é só este ano que comeza, senón o tipo de sociedade que estamos dispostas a defender.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero