O Nadal tamén cansa
O Nadal non sempre é luz, celebración e encontros felices. Ás veces é ruído, présas, expectativas alleas, silencios incómodos… e moito sostén invisible.
Porque cando chegan estas datas, algo se intensifica. Non só as comidas ou as reunións familiares, senón a carga mental, as tarefas domésticas e as responsabilidades familiares. Pensar que mercar, que cociñar, a quen chamar, que falta, que non pode fallar. Coordinar tempos, persoas, necesidades e afectos. Todo iso tamén é traballo, aínda que non figure en ningunha axenda.
As mulleres seguen asumindo, en maior medida, a organización do Nadal: a compra e xestión dos agasallos, a planificación das comidas, a atención ás persoas maiores, ás crianzas...Son quen sostén a estrutura para que a festa exista. E todo isto, moitas veces, sen descanso, sen recoñecemento e sen reparto real.
O Nadal é un espello perfecto da socialización diferencial de xénero. O que acontece nestas datas non é unha excepción: é a continuación intensificada do que sucede o resto do ano. Só que aquí todo se acumula.
Cando hai máis tarefas, máis xestión e máis esixencia emocional, tamén se fan máis visibles as desigualdades. Non porque aparezan de repente, senón porque xa estaban aí. Porque seguimos vivindo nunha sociedade que coloca nas mulleres a responsabilidade principal de coidar, organizar e garantir o benestar colectivo.
Non é casualidade que nestas datas moitas mulleres cheguen esgotadas. Con máis cansazo, máis estrés e menos tempo propio. Non porque non saiban organizarse, senón porque asumen demasiadas responsabilidades ao mesmo tempo. Responsabilidades que a sociedade segue colocando sobre os seus ombros como algo natural, inevitable ou incluso desexable.
Crear o Nadal, ano tras ano, converteuse nun mandato máis. Un rol que poucas veces se cuestiona e que raramente se reparte de maneira xusta.
Tamén é importante dicilo: non todas as persoas están a vivir estas datas desde a alegría. Hai quen atravesa duelos, soidades, dificultades económicas, enfermidades ou momentos vitais complexos. Para elas, para eles, o Nadal pode pesar máis do que acompaña.
Por iso, tamén nestes días, é importante lembrar que non hai que forzarse. Que poñer límites é lexítimo. Que dicir que non, quedar ata onde unha pode, ou facer as cousas doutro xeito tamén é unha forma de coidarse.
O Nadal non debería ser unha esixencia nin unha carreira por cumprir expectativas alleas. Pode ser, se así o precisamos, un espazo de pausa, de honestidade e de respecto polos propios ritmos.
Ogallá este Nadal sexa tamén unha oportunidade para mirar con máis conciencia, repartir mellor as cargas e avanzar cara a relacións máis xustas e corresponsables. Porque a igualdade non se constrúe só nos grandes discursos, senón nos xestos cotiáns, nos fogares, nas mesas e no reparto do tempo e do coidado.
Que estas festas sexan tan grandes ou tan pequenas como cada persoa necesite.
Que poidamos coidar e coidar-nos mellor.
E que, pouco a pouco, deixemos de sostelo todo soas.
Boas festas a todas as persoas que ledes estas liñas.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.