Cando o dixital deixa de ser un lugar seguro

Houbo un tempo no que pensamos que o espazo dixital podía ser un lugar de encontro. Un lugar para compartir ideas, crear comunidade, expresar desacordos, aprender xuntas. Un espazo, como di mi querida Yolanda Domínguez, “pensado para a convivencia, para a liberdade de expresión, para a democracia”.

Hoxe, ese relato está profundamente roto.

As redes sociais convertéronse en espazos onde o insulto, a mentira, o odio, a desinformación e a violencia forman parte do día a día. Non como excepción, senón como norma. E non por erro ou casualidade, senón porque hai responsables sen escrúpulos nin valores democráticos que fomentan algoritmos deseñados para polarizar, para xerar conflito, para manternos enfadadas, asustadas ou enfrontadas.

O que sucedeu en X coa utilización da intelixencia artificial Grok para crear e difundir imaxes manipuladas de mulleres e nenas espidas é un exemplo claro e brutal diso. Non é unha anécdota nin un fallo técnico. É unha mostra de cara onde pode ir o espazo dixital cando quen o dirixe non entende —ou non lle importa— o impacto real das súas decisións sobre as vidas das persoas, especialmente das mulleres.

As leis son sempre a primeira liña de defensa. Nomear, regular, poñer límites. Para protexer aos quen está nunha posición máis exposta e vulnerable, e sobre todo para preservar algo moito máis amplo: o marco democrático no que convivimos. Por iso as medidas anunciadas estes días para avanzar na regulación destes espazos son un paso necesario. Non suficiente, pero imprescindible. Porque cando non se regula, cando se permite que todo valga, o que se degrada non é só a seguridade individual, senón a calidade democrática da sociedade no seu conxunto. Normalízase a violencia, banalízase o odio e erosiónanse os valores que sosteñen a convivencia.

O problema é que o espazo dixital foi completamente perturbado respecto da súa idea orixinal. As redes sociais funcionan hoxe como verdadeiros vertedoiros de desinformación, violencia simbólica e odio organizado. Espazos nos que se tenta expulsar, a base de acoso e ameazas, a quen pensa diferente, a quen cuestiona, a quen non encaixa no relato dominante.

Como lembra Yolanda Domínguez, “non existe unha democracia dixital”. O que vemos, o que circula, o que se amplifica e o que se silencia está condicionado polos intereses das grandes empresas tecnolóxicas. Polos valores —ou pola ausencia deles— de quen as dirixe. Polo modelo de sociedade que promoven e polo poder que concentran sen apenas control.

Regular estas plataformas non é censura. É responsabilidade democrática. Implica falar de transparencia algorítmica, de deseño das redes, de como se incentiva o consumo compulsivo, a confrontación constante e a exposición sen límites. Implica asumir que a saúde mental, a violencia dixital e o funcionamento das redes están profundamente conectados.

Pero tamén hai unha parte que nos interpela como sociedade. Outra maneira de habitar o dixital é posible. Quizais chegou o momento de cuestionar a dependencia absoluta de plataformas creadas desde valores alleos aos principios democráticos que dicimos defender. Quizais Europa debería pensar seriamente en promover e crear alternativas que poñan no centro os dereitos humanos, a liberdade de expresión real e o coidado das persoas.

E quizais tamén é momento de revisar o noso propio consumo. O tempo que pasamos nas redes. O contido que amplificamos. O que permitimos que vexan e consuman nenos e nenas nun espazo cada vez máis hostil, violento e polarizado.

Escribo isto desde a preocupación, pero tamén desde a convicción de que nomear o que pasa é o primeiro paso para transformalo. Porque o dixital non é neutro. Porque a violencia que se exerce nel ten consecuencias reais. E porque renunciar a estes espazos non pode ser a única saída.

Defender un espazo dixital máis xusto, máis humano e máis democrático tamén é unha cuestión de dereitos. E tamén é, sen dúbida, unha cuestión feminista.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.

Máis contidos no podcast Todas Nós

 

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero