Deepfakes, control e silencio: a violencia que busca expulsarnos
A principios de ano volvemos ver como de novo a rede social, X, fica no centro da polémica polo uso da intelixencia artificial para xerar imaxes de mulleres espidas e deepfakes pornográficos sen consentimento. Non é un feito illado nin anecdótico. É unha expresión máis —actualizada tecnoloxicamente— dunha violencia vella e coñecida: a sexualización, a humillación e o control sobre os corpos e as vidas das mulleres.
Os chamados deepfakes son manipulacións de imaxes, vídeos ou voces creadas con intelixencia artificial para facer pasar por reais escenas que nunca existiron. Na súa versión máis habitual e daniña, serven para crear contido pornográfico falso co obxectivo de sexualizar, denigrar, intimidar e silenciar. Segundo datos de Sensity AI, o 99 % das persoas vítimas deste tipo de violencia son mulleres. Ese dato, por si só, debería facernos parar e pensar.
Porque saber que calquera persoa cun móbil ou cun ordenador pode “desnudarte” dixitalmente sitúanos nunha posición de vulnerabilidade constante. A violencia non remata na creación da imaxe: multiplícase coa súa difusión masiva, coa imposibilidade de control, coa entrada desas imaxes en páxinas pornográficas, foros ou chats privados sen que moitas veces as propias mulleres cheguen sequera a sabelo. É unha violencia que non precisa contacto físico, pero que deixa un impacto emocional profundo.
Esta nova forma de violencia dixital ten un claro sesgo de xénero porque bebe da mesma lóxica de sempre: as mulleres seguen sendo vistas como obxectos, non como suxeitos. Corpos dispoñibles para ser sexualizados, utilizados e expostos en calquera contexto, tamén no dixital. A tecnoloxía por si soa non crea o machismo, pero pode amplificalo cando quen o usa o fai desde esa mesma mirada misóxina e deshumanizadora.
E aquí está unha das claves máis importantes: estas violencias non afectan só ás mulleres que as sofren directamente. Funcionan tamén como unha mensaxe de advertencia para o resto. Recordan constantemente que podemos ser nós, as nosas fillas, amigas ou irmás as seguintes. É unha forma de exercer poder e control colectivo, de xerar medo, autocensura e retirada dos espazos públicos dixitais.
Porque isto non vai só de deepfakes. Vai de limitar a presenza das mulleres na esfera pública. Vai de castigar a quen se atreve a ter voz, opinión, imaxe, criterio ou liderado. Vai de que sexamos nós mesmas as que nos autoregulemos, as que baixemos o ton, desaparezamos, calemos “por se acaso”. A iso chámanlle ás veces libre elección. Pero sabemos ben que esa elección nace do medo.
Non é casualidade que esteamos a vivir este fenómeno nun momento especialmente delicado para os dereitos e liberdades das mulleres. Hai quen quere devolvernos a lugares que custou décadas abandonar, e quere facelo sen ruído, sen imposición explícita, facendo que pareza unha decisión individual. Esa é a trampa máis perigosa.
Por iso é tan importante que se avance tamén no plano legal, como comeza a facerse en España co anteproxecto de lei que incorpora o uso e difusión de deepfakes sen consentimento como delito contra o honor e a propia imaxe. Pero a resposta non pode ser só xurídica. Precisa tamén compromiso político, responsabilidade das plataformas, educación dixital e, sobre todo, unha defensa firme dos dereitos humanos no entorno tecnolóxico.
Porque a violencia dixital contra as mulleres non é o prezo do progreso nin un dano colateral inevitable. É unha vulneración de dereitos que debemos nomear, combater e erradicar.
Hoxe, máis ca nunca, ocupar espazo e voz non é só un dereito: é unha responsabilidade colectiva. Para nós e para as que veñen detrás.
- Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.
Máis contidos no podcast Todas Nós
Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC
- 2026: chamar ás cousas polo seu nome
- 2025: vivir sendo muller nun tempo de retrocesos e ruído
- O Nadal tamén cansa.
- Non é desexo, é poder.
- “O xogo onde todo comeza”
- Violencias machistas: nomear a verdade nun tempo complexo
- Emprender sendo muller: realidade, non relato
- “A trampa da liberdade”
- “Pubertat”: unha serie necesaria para mirar(nos)
- Un ano despois da DANA: as preguntas que seguen sen resposta
- Cancro de mama: menos rosa e máis compromiso real
- Facer que as nais importen (ou como sobrevivir á maternidade no século XXI)
- A democracia en cuestión
- Non hai nada épico na guerra.
Outras novas sobre Patricia Vaquero
- “Que a Costa da Morte acolla un Foro de Liderado Feminino é un privilexio, pero ao tempo, algo necesario”
- O Podcast Todas Nós axúdanos a “baixar o volume da síndrome da impostora”
- O talento de Todas Nós, á escena
- Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC.