O Nadal tamén cansa

Chega o Nadal e, con el, a imaxe repetida ano tras ano dunha festa asociada á ilusión, aos encontros e á felicidade compartida. Pero baixo esa postal perfecta hai unha realidade moito menos amable que rara vez se cuestiona: o Nadal sostense, maioritariamente, sobre o traballo invisible das mulleres.

O Nadal non sempre é luz, celebración e encontros felices. Ás veces é ruído, présas, expectativas alleas, silencios incómodos… e moito sostén invisible.

Porque cando chegan estas datas, algo se intensifica. Non só as comidas ou as reunións familiares, senón a carga mental, as tarefas domésticas e as responsabilidades familiares. Pensar que mercar, que cociñar, a quen chamar, que falta, que non pode fallar. Coordinar tempos, persoas, necesidades e afectos. Todo iso tamén é traballo, aínda que non figure en ningunha axenda.

As mulleres seguen asumindo, en maior medida, a organización do Nadal: a compra e xestión dos agasallos, a planificación das comidas, a atención ás persoas maiores, ás crianzas...Son quen sostén a estrutura para que a festa exista. E todo isto, moitas veces, sen descanso, sen recoñecemento e sen reparto real.

O Nadal é un espello perfecto da socialización diferencial de xénero. O que acontece nestas datas non é unha excepción: é a continuación intensificada do que sucede o resto do ano. Só que aquí todo se acumula.

Cando hai máis tarefas, máis xestión e máis esixencia emocional, tamén se fan máis visibles as desigualdades. Non porque aparezan de repente, senón porque xa estaban aí. Porque seguimos vivindo nunha sociedade que coloca nas mulleres a responsabilidade principal de coidar, organizar e garantir o benestar colectivo.

Non é casualidade que nestas datas moitas mulleres cheguen esgotadas. Con máis cansazo, máis estrés e menos tempo propio. Non porque non saiban organizarse, senón porque asumen demasiadas responsabilidades ao mesmo tempo. Responsabilidades que a sociedade segue colocando sobre os seus ombros como algo natural, inevitable ou incluso desexable.

Crear o Nadal, ano tras ano, converteuse nun mandato máis. Un rol que poucas veces se cuestiona e que raramente se reparte de maneira xusta.

Tamén é importante dicilo: non todas as persoas están a vivir estas datas desde a alegría. Hai quen atravesa duelos, soidades, dificultades económicas, enfermidades ou momentos vitais complexos. Para elas, para eles, o Nadal pode pesar máis do que acompaña.

 

Por iso, tamén nestes días, é importante lembrar que non hai que forzarse. Que poñer límites é lexítimo. Que dicir que non, quedar ata onde unha pode, ou facer as cousas doutro xeito tamén é unha forma de coidarse.

O Nadal non debería ser unha esixencia nin unha carreira por cumprir expectativas alleas. Pode ser, se así o precisamos, un espazo de pausa, de honestidade e de respecto polos propios ritmos.

Ogallá este Nadal sexa tamén unha oportunidade para mirar con máis conciencia, repartir mellor as cargas e avanzar cara a relacións máis xustas e corresponsables. Porque a igualdade non se constrúe só nos grandes discursos, senón nos xestos cotiáns, nos fogares, nas mesas e no reparto do tempo e do coidado.

Que estas festas sexan tan grandes ou tan pequenas como cada persoa necesite.
Que poidamos coidar e coidar-nos mellor.
E que, pouco a pouco, deixemos de sostelo todo soas.

Boas festas a todas as persoas que ledes estas liñas.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero