Paseniño: cando a rede salva e cura

Hai conversas que non se esquecen.

Hai uns días tiven a oportunidade de falar con dúas mulleres da Costa da Morte, integrantes da Asociación Paseniño polo último capitulo do Podcast Todas Nós. 

 

Falamos de coidados, de burocracia interminable, de terapias, de diagnósticos, de noites sen durmir, de loitas constantes co sistema. E tamén falamos de renuncias.

Renuncias laborais.
Renuncias persoais.
Renuncias emocionais

Criar un neno ou nena con necesidades especiais significa xestionar citas médicas, informes, reunións educativas, trámites administrativos, adaptacións curriculares, terapias semana tras semana. Significa estar dispoñible 24/7. Significa vivir en estado permanente de alerta. Co impacto que ten para as familias e sobre todo para a vida das mulleres. 

Seguimos vivindo nun sistema que considera os coidados unha cuestión privada. Un asunto doméstico. Algo que se resolve de portas para dentro. Pero os coidados deben ser unha cuestión pública, colectiva e política. Sen eles, a sociedade non se sostén. Sen eles, a vida non continúa. Seguimos vivindo nun sistema que sostense grazas ao traballo invisible, non recoñecido, gratuíto e emocionalmente extenuante das mulleres.

Moitas destas nais deixan empregos. Reducen xornadas. Renuncian a promocións. A proxectos. A ingresos. A tempo propio. E pouco a pouco deixan de ser vistas como mulleres con dereito a unha vida plena para converterse so en “madres coidadoras”.

O problema non é a maternidade. O problema é a ausencia dun sistema público que acompañe.

Non estamos ante decisións libres. Estamos ante a falta de alternativas reais.

Fálase moito de poñer os coidados no centro. Pero mentres non haxa políticas públicas reais, mentres non haxa recursos suficientes, mentres non haxa un cambio estrutural, seguirá sendo un eslogan baleiro.

Poñer os coidados no centro implica revisar a relación entre o produtivo e o reprodutivo. Implica entender que o tempo que xera valor económico non pode seguir sendo o único recoñecido. Implica asumir que sen coidados non hai economía, non hai sociedade, non hai vida.

Implica reforzar os servizos de atención á dependencia.

Implica dotar de recursos ás familias con fillos e fillas con necesidades especiais.

Implica políticas de conciliación que non recaian só nas mulleres.

Implica recoñecer, remunerar e redistribuír o traballo de coidados.

Mentres iso non ocorra, seguirán sendo as mulleres as que sosteñan o sistema. E seguirán sendo tamén as asociacións como Paseniño as que dean resposta.  

O outra día unha nai escribía algo así: “Falar de inclusión é fácil. Practicala é o que o cambia todo. Os feitos sempre falan máis alto ca os discursos.”  e as súa palabras fixéronme reflexionar. 

A inclusión non é unha palabra amable para encher discursos institucionais nin un lema bonito para celebrar días sinalados. A inclusión é unha práctica diaria. É decisión política. É investimento público. É formación, recursos, acompañamento real.

Pero tamén é algo máis profundo: é a mirada coa que como sociedade observamos ás persoas.

Porque quizais o primeiro paso sexa deixar de definir ás persoas polos seus diagnósticos. Deixar de reducilas á súa condición médica. Deixar de falar de “nenos e nenas con…” como se iso fose o único que os define. Son nenos e nenas. Con personalidade, con talentos, con medos, con capacidades, con dereitos. Como calquera outro.

E aí tamén temos unha responsabilidade colectiva. Na escola, nas rúas, nas actividades extraescolares, nas conversas das persoas adultas. Educar no respecto real ás diferenzas. Non desde a compaixón, senón desde a igualdade. Non desde a tolerancia paternalista, senón desde o recoñecemento pleno.

Porque falar de inclusión é fácil. Practicala é o que realmente transforma como dicía ela. 

E con todo, hai algo que tamén merece ser contado.

O que estas mulleres e estas familias conseguiron xuntas é enorme. Onde había soidade, crearon rede. Onde había impotencia, organizaron reivindicación. Onde había desgaste individual, construíron forza colectiva. Paseniño non é só unha asociación: é un espazo de sostén, de recoñecemento mutuo, de acompañamento técnico e tamén emocional.

Falando con elas aprendín algo importante: que a loita e o amor poden convivir. Que a reivindicación non está rifada coa capacidade de quedar co bo. Como dicía Úrsula, tamén hai que saber quedarse coa luz.

E esa luz son os seus fillos e fillas.

Son eles e elas quen lles dan sentido a todo. Quen lles recordan cada día por que merece a pena seguir esixindo, seguir organizándose, seguir falando.

Quizais o verdadeiro equilibrio estea aí: en non renunciar á denuncia do que falta, pero tampouco deixar que o sistema nos roube a capacidade de celebrar o que xa se conquistou.

Porque cando as familias e as mulleres se recoñecen, se apoian e se organizan, o que era insostible en solitario convértese en transformación colectiva.

E iso, tamén é inclusión en acción.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.

 

Máis contidos en Todas Nós

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero