Venres. 29.03.2024
El tiempo
Serxio Iglesias
09:34
12/11/10

Abur, Bieito

Mira Bieito, xa sei que ofreciches un concerto en Compostela estes días, pero o certo é que non fun verte. Realmente, non me atrae nada o teu último espectáculo, que a fin de contas, é o mesmo de sempre. Xa me sei todas as túas cancións de memoria e teño moi aburridas as coreografías dos papanatas que te acompañan no escenario cun cucurucho na cabeza. Viñeches pois, coa caldeirada de sempre, co voso secular show business ateigado de vergoñas públicas e privadas, ostentación pornográfica e cheirume rancio. As autoridades dun e doutro signo político afanáronse nos días previos en proclamar as bendicións da túa presenza, nos beneficios que reportará á comunidade e na insignificancia do investimento. Falaron tamén de centos de miles de persoas, así gratuitamente. E tamén de balde falaron das millonarias ganancias para a hostelería e o comercio. Auga chirla. Pasou o día e pasou a tristeira romaría. E aínda que non fun a Compostela ese día diosmeaparte, foi imposible non saber de ti polos medios, sobre todo naqueles nos que o teu xefe semella o editor. Os que vivimos neste país sufrímolos a diario. E todos e todas fomos testemuñas en directo do desastre. Comezaches ben cedo, e como todo bon rockeiro que se precie, xa deches a nota no avión, antes de poñer un pé en terra (santa). Botaches a lingua a pacer ben a gusto, anticipándonos a letra medieval das túas sonadas cantareas. Despois, e aínda que as imaxes negaban deliberadamente planos xerais e panorámicos, viuse que estás a perder poder de convocatoria, meu. Habías de estar uns meses atrás no mesmo lugar defendendo a nosa lingua e así comparabas. Ti ou quen te trouxo. Aínda así, tronco, recoñezo que houbo algunha postal mediática que ben podería ilustrar o álbum das estampas pretéritas. Rapaciños bicando o teu anel dourado, mociños de meleniña loira e polito de colexio privado aplaudindo ao teu paso, adolescentes tocando a guitarra, bebés que che eran ofrecidos para que os bicases... Deixade que os nenos se acheguen a min... Que ghuevos! Con todo, supoño que non te queixarás dos medios dispostos para a túa mise en scene. Seica non che servía o palco da Panorama? E por certo, agora onde poñemos iso? Quero tamén que saibas que os meus amigos e mais eu nunca asinamos cun X. En ningures. Agardo pois que nos digades quen paga esta rolda, porque, repito, non fun á performance. Sería lóxico por tanto, que pagase o teu club de fans. Eu en Setembro xa fun ver, pagando, ao meu santo padre Leonard Cohen. Moitos dos que che contrataron tiñan reservadas, gratis, as primeiras filas, pero non entenderon nada. Sorrían cando os fotografaban no inicio, pero despois puxeron cara de ollomol cando o Leonardo espetaba a súa homilía irreverente. Os seus fieis, nas bancadas ateigadas, cantamos cheos de gozo en cannábica harmonía hallelujah, hallelujah, hallelujah... Menos mal que non estabas. Abur, Bieito.
  • Serxio Iglesias (serxioiglesias[arroba]quepasanacosta.gal). Xullo 2010.

Ouras historias nómades

Comentarios