Xoves. 16.05.2024
El tiempo
09:55
06/08/13

Muros. Un concello sen memoria histórica?

Muros. Un concello sen memoria histórica?
Por un museo de mar para Muros

Muros necesita un museo do mar, Muros merece ese museo, o Concello de Muros non fai honra ao seu pasado mariñeiro se non acada amosar ás novas xeracións e aos nosos visitantes a longa tradición náutica dos nosos devanceiros.

Dende XUBIMAR avogamos para que esa carencia tan agraviante sexa corrixida coa creación na vila dunha exposición permanente que poida ser visitada e admirada por propios e estraños. Para elo solicitamos a axuda e o apoio de todos os partidos políticos que teñen presenza no noso Concello, das distintas asociacións, do grupo municipal de goberno e por suposto de toda a veciñanza para cubrir ese evidente baleiro que é a falta de sensibilidade coas nosas máis arraigadas tradicións.

É escusado apelar á evidencia de que o noso Concello é metade terra, metade mar; que polas nosas veas flúe metade sangue, metade sal; que nas nosas vidas ten tanto peso o mar como calquera outra sinal de identidade que nos poida definir! A meirande parte da vida chega a Muros polo mar e a veces, por desgraza tamén chega a morte. Que sería o noso Concello sen o mar? Non o sabemos, máis por suposto que non sería o mesmo, nin tampouco a nosa xente, nin as nosas tradicións, nin, por suposto a nosa historia.

Pois instituír un lugar onde se poda ver parte desa tradición tan arraigada, tan nosa é dalgún xeito honrar a nosa propia memoria, as nosas tradicións e aos nosos maiores.

Seica todo nesta vida ten un valor e un prezo, mais se hai vontade e gañas todo é asumible. En moitos dos sotos, das tribunas, das chabolas e dos faiados de Muros están agardando pezas para ser cedidas ou doadas para ese museo. Se agora non aproveitamos esa chanza, moitas cousas acabarán, por desgraza no lixo, tal como xa aconteceu con outras.

Dende XUBIMAR queremos facer un chamamento a toda a veciñanza para que esa memoria histórica se recupere e se expoña con orgullo, porque o pobo que non se gaba da súa historia é un pobo desagradecido co seu pasado e moi pouco fiel co seu futuro!

  • Manuel M. Caamaño, Presidente de XUBIMAR (Asociación Muradana dos Xubilados do mar e Pescadores de Recreo).

A Cara máis íntima do naufraxio

Comentarios