Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Ponte do Porto, do esplendor á decadencia

A Ponte do Porto, do esplendor á decadencia
A feira da Ponte do Porto no Campo de San Roque. Anos 70 A feira da Ponte do Porto no Campo de San Roque. Anos 70

A praza de San Roque contribuíu a darlle entidade á vila porteña, que se foi consolidando a comezos do século XX coa inclusión de barrios que a rodeaban como O Outeiro, Curros, As Barrosas ou a Gándara. A Ponte do Porto comezou a actuar como centro comarcal dunha área que se estendía de norte a sur, de Laxe a Muxía, e de leste a oeste, de Vimianzo a Camariñas. A feira mensual establecida o segundo domingo de cada mes,  fará de elemento aglutinador de toda esta área xeográfica.

O espazo feiral ampliarase co traslado ao Campo do Outeiro da feira do gando vacún e cabalar; e á Praza do Outeiro, ao pé da estrada de Camariñas, a feira do gando porcino e outro menor, quedando a praza de San Roque destinada para a venda de  produtos agrícolas, teas, calzado, ferramentas ou quincalla.

A raíz deste despegue comercial, instaláronse no núcleo unha serie de servizos como sucursais bancarias, farmacias, médicos, e un pequeno comercio variado: ferraxerías, tendas de téxtiles e calzado, panaderías ou tabernas. Converténdose esta vila no centro comercial e de servizos máis importante da ría de Camariñas.

Un sector que contribuíu moito ao desenvolvemento da vila porteña foi a industria madeireira que se instalou a partir dos anos vinte do pasado século nas marxes do río do Porto. Na banda dereita, no lugar de Pías, establecerase Maderas del Norte, un serradoiro que funcionaba con caldeira de vapor e que deu emprego a un elevado número de traballadores. Polos anos trinta instalaranse na beira esquerda outros máis, o mesmo que sucedeu na posguerra na zona da Solana. A madeira que producían saía en gabarras, que a transportaban ata un cargueiro fondeado na ría, para logo trasladala  con destino ás minas de Asturias e do País Vasco.

Outra das actividades económicas destacadas, foi a venda de Encaixe. Ponte do Porto, converterase nun dos centros de exportación e venda desta artesanía que se confeccionaba nas parroquias de arredor. Houbo moitas familias porteñas que se dedicaron a este tipo de comercio, como a dos Noya,  Miñones, Mazaeda, Lastres ou Carril. O auxe desta actividade acádase cara a finais do século XIX, cando comeza a exportación aos países iberoamericanos, sobre todo Cuba, Arxentina, México ou Porto Rico. Ante esta gran demanda serán moitas as mulleres das parroquias que bordean a ría de Camariñas que se dediquen a palillar, obtendo así un complemento económico necesario para suplir as carencias dunha agricultura de subsistencia.

O día da feira porteña era cando moitas destas palilleiras acudían a vender a puntilla a  compradores ou puntilleiros, aproveitando ao mesmo tempo para mercar produtos necesarios para o seu traballo como fío, picados ou palillos. Trala depresión de 1929 a venda exterior de encaixe practicamente desapareceu, quedando reducida á demanda interior, que tamén se viu moi minguada pola Guerra Civil.

O despegue económico experimentado pola vila da Ponte do Porto, motivado polas actividades industriais e comerciais, fixo aumentar considerablemente a poboación da parroquia, que cara a 1920 acadaba a cifra de 2229 habitantes, converténdose na freguesía máis poboada dos oito concellos que constitúen o partido xudicial de Corcubión. A este aumento tamén contribuíu o crecemento da localidade costeira de Camelle, na que o sector pesqueiro comezara a desenvolverse.

Por estes anos vinte, Carré Aldao no  libro Geografía del Reino de Galicia, refírese así á vila porteña,  ”la villita Ponte do Porto está en las márgenes del río (...). Dicho lugar debió ser en tiempos remotos un buen puerto, de excelente abrigo para los buques; pero hoy se halla destruido en parte por las arenas, permitiendo tan sólo la entrada un canalizo”. Como vemos, por estes anos as embarcacións xa entraban con dificultade pola acumulación de sedimentos arrastrados polo río.

Este autor fálanos tamén das festas patronais que se celebraban na praza da Constitución, actual de San Roque,  e fai mención ao Casino, sociedade cultural e recreativa fundada en 1915. Unha das primeiras entidades deste tipo creadas na zona, a iniciativa da pequena burguesía comercial que existía, ansiosa por dispoñer dun lugar para reunirse e organizar actividades culturais e lúdicas. Nun principio a sociedade estableceuse nunha casa de aluguer na praza, ata que no ano 1925 se trasladou ao local non que aínda permanece hoxe en día.

A Ponte do Porto foi tamén das primeiras vilas en dispoñer dun equipo de fútbol, pois no ano 1925 xa temos noticias do Deportivo Porteño, que disputou un partido amigable contra o Junquera de Cee. O C.D. Porteño foi un dos oito equipo fundadores da Liga da Costa en 1964, tal como se recolle no libro 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) de Lema Suárez e Rei Lema.

Todas estas iniciativas de tipo cultural e deportivo levadas a cabo na vila porteña na segunda e terceira décadas do século XX, amósanos que este núcleo estaba a vivir un próspero desenvolvemento económico por estes anos, que se prolongará ata o estalido da Guerra Civil no ano 1936.

Durante a Segunda República a actividade política e sindical na Ponte do Porto foi intensa. A maioría dos afiliados sindicais pertencían ao Sindicato de Oficios Varios, afín á UXT, liderado por Rogelio Mazaeda.

Segundo nos informa o investigador Luis Lamela no seu libro Crónica de una represión en la “Costa da Morte” (1995), cando o 18 de xullo se produciu o golpe militar contra o goberno da República, neste núcleo constitúese un Comité de Defensa da República. Membros desta organización maniféstanse pola vila e participan no asalto simbólico ao castelo de Vimianzo. Pero unha vez que se decatan da marcha dos acontecementos, comezan a preocuparse polas posibles represalias ás que serán sometidos polo novo réxime.  Algúns refuxiáronse no monte e foron detidos pola Garda Civil, e máis tarde, fusilados; outros lograron fuxir para Portugal, pero detivéronos no país veciño e  foron devoltos ás autoridades franquistas, e logo paseados ou fusilados; e outros, pasaron anos na cadea, para despois seren liberados. Tan só se librou da represión o dirixente sindical Rogelio Mazaeda que foi capaz de fuxir para Cuba.

A forte represión exercida polo novo réxime autoritario contra estes sindicalistas porteños, así como a continúa persecución sufrida polas súas familias e outras persoas que simpatizaban coas forzas republicanas, produciu unha profunda fractura social na vila, que afectou tamén de maneira notable a súa economía, agravada polo estalido da guerra, á que foron chamadas as novas xeracións de mozos. Esta creba económica, social e cultural, prolongarase ata os anos cincuenta, década na que rexorde a emigración, primeiro, cara a Sudamérica, e nas décadas seguintes, para os países de Europa Occidental, sobre todo Suíza.

Cando no ano 1964 se crea a parroquia de Camelle, a poboación da parroquia porteña quedou reducida á metade, o mesmo que lle sucedeu a súa superficie. A crise dos sectores económicos que foran o seu motor de desenvolvemento como o comercial ou o madeireiro, provocou a redución dos postos de traballo e o aumento da emigración. Deste xeito, a Ponte do Porto deixou de ser aquela pequena vila próspera e activa, e ao mesmo tempo, centro de referencia para a poboación das parroquias de arredor que fora anos atrás. Esta perda de poboación e de protagonismo económico e social, converteuna  nunha parroquia máis do concello de Camariñas.

Outros artigos de Xan Fernández Carrera

Comentarios