O Castelo Rock afianza a súa identidade afastada dos macrofestivais

Como unha reafirmación do cambio de modelo iniciado nos últimos anos pola familia do Castelo Rock. Así presentaron esta mañá o novo formato que afronta o festival muradán nesta edición de 2025, que encherá a Praza do Mercado, a Praza de Galicia, en nocentro histórico da vila de Muros, de boa música os 8 e 9 de agosto.
A cita preséntase cun aforo limitado a 500 persoas, unha decisión meditada que busca afastarse do formato dos festivais masivos e macrofestivais, que, segundo recoñece a propia organización, “non son espazos nos que unha asociación como a nosa poida nin deba competir”. Dende a organización sinalaron tamén que “o noso obxectivo non é medrar a calquera prezo, senón consolidar un modelo sostible, con coidado no detalle e no que a experiencia do público, das artistas e da vila sexa sempre o centro”.
Cambio a un modelo máis sostible
A idea é "camiñar cara a un modelo alternativo, máis sostible e coherente cos valores da entidade, promovendo a música en directo e o talento galego, priorizando a calidade fronte á cantidade, fomentando un espazo onde público e artistas compartan unha experiencia próxima e fortalecendo o vínculo coa vila de Muros e o seu tecido social, cultural e económico", explica a familia do ACDR Praia do Castelo, entidade sen ánimo de lucro. "Con esta nova orientación, o festival afonda nun modelo cultural local e consciente, centrado en ofrecer unha experiencia musical de calidade".
Gorka Urbizu será o principal reclamo
O cartel do escenario principal, con entrada de pago, estará encabezado por Gorka Urbizu, coñecido pola súa etapa á fronte da banda vasca Berri Txarrak. Nesta ocasión presenta o seu traballo en solitario Hasiera Bat, unha proposta íntima, coidada e enraizada na emoción e a palabra. Completan a programación Familia Caamagno, Pauliña, Capital Voskov, Eris Mackenzie, Lisdexia, Mascada e Catuxa Salom.
Máis actividades
Ademais da programación nocturna, o Castelo Rock 2025 ofrecerá tamén actividades de día a partir do xoves 7 de agosto, en tres escenarios alternativos situados no Curro da Praza, a Rúa Ancha e a Praza da Pescadería, con entrada libre, reforzando así o
carácter popular e integrador do festival. A programación incluirá actuacións para público familiar, como A Banda do Verán (dúo acústico) e o espectáculo de circo de rúa Rogelio III. La Fête, así como concertos acústicos como o da banda Kreze, e concertos de bandas locais como Fallen Idols e Sonophobia. Ademais, o ambiente completarase coas sesións de Tête de la Course e Meu Cariño DJ, que porán banda sonora no corazón da vila.
Abonos á venda
Os abonos están dispoñibles a través da web de Enterticket.
O prezo do abono para os dous días é de 15 euros (público xeral) e de 10 euros para socios/as da ACRD Praia do Castelo e tamén hai entradas de día (10 euros).
HORARIOS