Venres. 19.04.2024
El tiempo

Mar de Fábula. Unha viaxe de cinco anos. Museo de Man, Camelle.

Mar de Fábula. Unha viaxe de cinco anos. Museo de Man, Camelle.
Exposicion dos 5 anos de Mar de Fabula no Museo de Man de Camelle Exposición dos 5 anos de Mar de Fábula no Museo de Man de Camelle Despois dunha viaxe de cinco anos, Mar de Fábula volveu no pasado día 28 de xullo ao seu punto de partida: A ribeira de Camelle, a ese fermoso anaco de mar dibuxado entre a península do Roncudo ao fondo, as ondas da area de Traba e a formidable presencia da Serra de Pena Forcada. E volveu alí, á súa orixe, para inaugurar unha exposición artística conxunta no Museo de Man de Camelle e para falar do camiño percorrido. do traballo feito na defensa do mar neste tempo, e do infame maltrato que lle damos e do que temos sido testigos durante esta viaxe de cinco anos, unha viaxe que tivo o seu comezo nos circulos de chicotes e de cabos. E queremos falar delo tendo de pano de fondo unha exposición conxunta de Mar de Fábula con dous colectivos artísticos, amigos e compañeiros nesta viaxe: RetoqueRetro e AlíVava. tres vieiros de expresión artística diferentes e converxentes ao mesmo tempo porque os tres temos o lixo mariño coma fonte e ferramenta da nosa inspiración. Como responsable da parte creativa de Mar de Fábula, eu sempre digo que a miña obra non ten valor artístico ningún. A miña obra é só o soporte visual que me permite lanzar mensaxes e contar historias. E disto quero falar nesta primeira entrega : Dunha das coleccións alí expostas, das caras da contaminación do mar, das caras da contaminación mental da sociedade de consumo. Esta colección de máscaras, penduradas nunha parede do 1º andar do Museo de Man, son o soporte material que eu utilizo para transmitir a miña visión crítica, ácida e pesimista, ao tempo que realista, da sociedade actual. Unha sociedade que actúa como nunha máquina de consumo e competencia feroz, que estimula o individualismo e maltrata a natureza e os espazos comúns, ao mar e os seus dominios. E así, dende os vertedoiros na terra firme, polas alcantarillas, polos ríos, polas redes de saneamento, polas redes sociais, polos aliviadeiros na costa ou directamente dende as praias neste tempo de verán, millóns e millóns de neuronas contaminadas e mesturadas con toda sorte de detritos e decepcións, chegan ao mar e deposítanse no fondo dos océanos, lastradas polas imaxes e palabras gomitadas dende as pantallas dixitais e as tarifas planas. E alí, nos abismos, a centos de séculos de profundidade, nun mundo eternamente descoñecido, as forzas do Caos entran de novo en xogo recompoñendo ao azar as conexións neuronais plastificadas, xa moi degradadas e rotas, dando lugar a novas formas, anticipo do que un día poderá acontecer. Novos rostros, caras tóxicas e mounstruosas que, a medida que saen do forno helado dos abismos, soben á superficie, e fican aboiando á deriva.... Imaxes deformadas do que nun día fomos refrexadas no espello roto das ondas. Son as máscaras, as caras da contaminación mental, o reverso das nosas antigas identidades. Todas elas, coas súas bocas abertas, teñen coma unha expresión de interrogante, de desconcerto. Saben que non están no sitio correcto. Saben que non deberan de existir. Son as máscaras dun entroido exhibicionista onde todo se mostra, todo se vende e todo se consume, deixando no mar a súa tráxica pegada. (A exposición estará aberta até finais mes de setembro).

Novas relacionadas

Outros artigos de Xosé Manuel Barro

“No Día Mundial dos Océanos, unha limpeza de praia máis, non sirve para nada” — Que pasa na costa  

Novas relacionadas

Novas de Mar de Fábula

Novas relacionadas Fonte

Comentarios