Cando as palabras emerxen dun xuncal
Medulia Editorial é, abofé, un selo especialmente decisivo no panorama reconstituidor das letras galegas deste milenio. As súas apostas, certeiramente elixidas co gallo da reformulación dun sistema por veces aliado con esa preguiza que necesita de argumentos capaces de imposibilitar a disensión cara á disensión social que temos instalada na Galiza. Non é estraño que en 2021 dese luz unha obra como Sisley no xuncal da Trave, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, unha das sinaturas con maior solvencia e prestixio na literatura e na crítica galegas desde hai case cincuenta anos, aló nos tempos do Colectivo Alén apadriñado polo noso enorme Ricardo Carvalho Calero.
Sería—polo menos para min—adscribir Sisley no xuncal da Trave nun modo literario específico, por suposto atendendo á estabulación tradicional que adoitamos manexar. Nisto, e noutras cousas tamén, Mato Fondo aparéntase cunha traxectoria artística esquecida no noso planeta literario que cunha grande entrega, nos comezos do século XX practicaba Evaristo Correa Calderón, rechamantemente ignorado polas intereseiras actuacións de grupos como o da Real Academia Galega. Porque cunha prosa poética ou cunha poesía que se desenvolve tras das cancelas do que talvez poidamos cualificar como narrativa, esta nova proposta matofondiana quer—e desde logo consegue—explicarnos que a arte literaria non pode alimentarse unicamente de palabras, orabén se valla fundamentalmente delas.
Non é casual, por outra parte, que Mato Fondo sexa, ademais, artista plástico. E que como Sisley, se preocupe habilmente pola recollida e o plasmábel da luz, segundo un impresionismo que, como o parisino de ascendencia británica, se retroalimenta da lama que dá vida aos esteiros fluviais. Por suposto outorgando materia ao paraíso d’A Trave en que Mato Fondo viu a luz e onde a súa elegante música retrata o imperioso lamento da prosa-poesía dun bergantiñán cuxa fisura penetra, con elas, polas cicatrices do Anllóns.
O formato lémbranos o espazo do diario, porque diaria é a súa revisión artística: nela revívese Cernuda, Walser, Pondal, Chaicovsqui, Roth, Baudelaire, Friedrich, Rezza, Kafka, Munch, Bacon, Pestana, Rivadulla, Graña, Blixen, Cunqueiro, Fole, Castaño. Todos eles, todas elas, acubillándose tras do útero palúdico e vexetal do ecoloxismo e naturalismo do ecosostíbel, unha das vertentes máis presentes na actividade literaria matofondiana. Para alén de activismo onde a reflexión e a creación—poesía, narrativa, ensaio, estudos e plástica (non sería quen de adscribir nada da súa brillante produción a un xénero ou modo concreto: a súa ollada é moito máis aberta do que as fronteiras imaxinarias seica nos queren cuspir)—estabelece unha rede potente que saltarica, e dun modo engaiolante, da quebra do contemporáneo ao tradicionalismo positivado, do culturalismo máis amoroso á fantasía máis marabillosa, mesmo da plenitude do persoal ao espazo da presenza e recreación da arte que se recidiva. Aí é onde Sisley colle carne outra volta para axoenllarse—como fai Mato Fondo—nas vesículas lamacentas d’A Trave e coserlles as pústulas, de paso levándonos, como lectores e lectoras, polas corredoiras humedecidas desa terra que só pretende reescribirse, sentíndose tal e facendo que nós a sintamos sentíndomonos.
E de novo volven a nós eses desexos esteticistas daquel compulsivo e entregado Correa Calderón anterior a 1936, a eses desexos, arelas e propostas dun escritor que, de novo baixo do exercicio dun creador e crítico de arte, proclama—proclamándose—ser facedor de palabras e deseñador de luces, de paisaxes, de terra—e de Terra, porque a terra matofondiana, A Trave, non é outra que a Terra—e de sangues. Especialmente das nosas, da nosa, do noso.
Sentemos acubillando a alma na madre de todos os ríos que van morrer, para daren vida, aos océanos nosos. E fagámolo, xa nolo explica Mato Fondo, “nestas horas da tarde en que permanecemos en acougo e nada semella alterar o sosego do xardín. Péchase algunha porta dentro da casa e pódese sentir o distante e bruar de automóveis. Mesmo aquí, a este afastado recanto, chegan lonxanísimas badaladas, mais todo este apagado balbordo pasa e de novo escoitamos cantos dos paxaros, e a brisa que abanea as follas da magnolia”.
Aí tedes esa magnolia que ben podería ser roseira e árbore xenealóxica da nosa propia misión e traxectoria artística, a desa Europa que sen nós non sería tal. Tedes, amais, as imaxes dunha infancia reconstituída e revivificada segundo o alfabeto das avoas nosas, a dun útero cheo de luz en que descansarmos todas as aldraxes recibidas, e a dunha xanela—a das xanelas todas—polas que ollármonos a nós propias segundo a aventura do silencio e dos silencios. Pluralizándomonos a singularidade no xuncal de todos os xuncais, n’A Trave que recompón todas as trabes. Na xeración ínclita de Sisley, unipersoal e carente do sentido da seita. Na prosa, na poesía, no diario, na plástica, na terra—e na Terra—de Mato Fondo.
- Xulio Pardo de Neyra. Profesor, amador e facedor de lingua e literatura galegas. Desde Lugo para o mundo, confiando no traballo en chave galega.
Novas relacionadas
- Mato Fondo no Bar Cornecho: “A taberna é un lugar de encontro e de iniciativas culturais importantes”
- Miguel Anxo Mato Fondo conta a súa Trave nun novo libro.
- Entrevista 2018 con M.A. Mato Fondo: “Os escritores de hoxe en día movémonos con absoluta comodidade tanto na galaxia de Gutenberg coma na online”