Rematada a senda peonil entre Anllóns e Ponteceso


Veremos como vai o mantemento pero as propostas para estas sendas peonís e para bicicletas sempre nos parecen acertadas. Desta volta falamos de 1,6km de senda que vén de rematar na marxe dereita da estrada AC-423 a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
Concretamente, os veciños xa poderán ir andando con seguridade entre Anllóns e Ponteceso, entre os puntos quilométricos 12+340 ao 13+970. A nova senda favorece a mobilidade dos cidadáns; facilita unha maior seguridade na circulación para o conxunto dos usuarios; e contribúe a fomentar hábitos e comportamentos máis respectuosos co medio.
Ademais, como medida complementaria de mellora da estrada procedeuse tamén á rehabilitación do firme ao longo de preto dun quilómetro (930 metros).
Esta obra é coherente co Plan de sendas peonís e ciclistas que a Axencia Galega de Infraestruturas está redactando para a Comarca de Bergantiños, un estudo que prioriza e determina outras necesidades nesta materia e que a finais de 2015 contará con diagnoses e propostas de actuación.
Así, no primeiro semestre de 2016, procederase á redacción de proxectos construtivos de novos treitos de sendas peonís en estradas de titularidade autonómica a executar nos vindeiros anos.
Novas relacionadas
- 02-07-15: Comezan as obras da senda peonil entre Anllóns e Ponteceso.
- 11-04-14: Unha nova senda peonil percorerrá a parroquia do Anllóns.
- Lorena Martínez Canosa: O espectáculo do estuario do Anllóns.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).