Véndese Pazo e Castelo


A crise tamén afecta ás grandes fortunas. Evidentemente, non é o mesmo ter que poñer a venta un dos teus pazos, unha das túas enormes propiedades, que ter que abandonar o teu coche por non poder pagar a letra, ou ser botado da túa casa por non poder pagar a hipoteca. Pero polo que vemos, as grandes fortunas que no seu día mercaron as xoias arquitectónicas da Costa da Morte tamén están de vacas flacas.
Ou alomenos así o entendemos ao ver tantos pazos ou castelos á venta na rede. Varios son os portais onde podemos atopar pazos, castelos, casas señoriais do sécuo XIX... postos á venta por prezos que se nos escapan da calculadora. De seguro que a meirande parte destes propietarios non son costeiros, e os compradores tampouco, pero o que si nos preocuopa é que todos estes tesouros patrimoniais da zona que seguen incumprindo, por norma xeral, a Lei de Patrimonio que obriga a abrir ao público os Bens de Interese Cultural alomenos 4 días ao mes.
Entre 3,3 e 4 millóns de euros é o que piden polo Pazo de Trasariz. Este fermoso Recuncho da Costa, situado en Vimianzo, está á venta na rede. Entre as posibilidades que podemos atopar na web www.galicianrustic.com, tamén temos á venta a casa do barómetro de Camariñas, no corazón do porto, un pazo que aínda mantén o regalo que Inglaterra entregou ao cura de Camariñas polo facer do pobo camariñán os días da traxedia do Serpent.
Podemos soñar tamén que compramos o castelo de Corcubión ou o de Ameixenda, durante moito tempo no mercado. Ou as propias Torres de Cereixo, outras das marabillas da nosa bisbarra.
En fin, que por soñar que non quede. Pero polo menos, que nos deixen ver o patrimonio de todos.
Novas relacionadas
- Recuncho da Costa: O Pazo de Trasariz.
- Esixen, unha vez máis, a apertura conforme á lei do Castelo de Ameixenda.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).