O Hostal dos Reis Católicos de Santiago acollía este pasado venres os “Premios Alas en tus piés”, outorgados pola ONG PEstudio-Periodismo Social. Unha gala da que os fondos se entregarán aos mozos e mozas que saen do sistema de protección da infancia sen apoio familiar nin recursos económicos.
Dous dos recoñecementos son da Costa da Morte.
Carballo pola infancia
Ata alí desprazáronse a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, para recoller un dos premios. O Concello carballés foi recoñecido na categoría de progreso social polo traballo realizado en favor da infancia como base para un futuro de progreso e desenvolvemento social.
E parte da razón foi a campaña un carballo por cada neno nacido en 2020, unha iniciativa que permitiu plantar 190 carballos apadriñados por cadanseu neno na carballeira de Bértoa. Uns carballos que irán medrando xunto a eles.
O xurado tamén valorou tamén iniciativas como o programa Concilia, o proxecto de creación de parques infantís integradores Carballo para a infancia, a oferta lúdica e educativa da Biblioteca Rego da Balsa, as actividades para nenos e nenas que se desenvolven no marco de programas como Carballo Interplay ou o FIOT, os 35 anos da escola infantil de natación.
Mar de Fábula pola educación ambiental
Tamén foi recoñecida a Asociación Mar de Fábula en materia de educación ambiental. “Saúde, melodías, xogos, responsabilidade... todo nun entorno natural, en clave de reciclaxe”. Así son os obradoiros creativos da entidade.
Novas relacionadas
- 2022: Mateo xa ten un carballo na gran Carballeira do Futuro de Bértoa.
- 2020: Por cada nacemento, un novo “fillo” do Carballo Senlleiro de Vilar de Francos.