Unha das maiores promesas da nosa gastronomía xa se atopa na fase final do XIII Premio Promesa de Alta Cociña, organizado pola escola Le Cordon Bleu Madrid. A pontecesá María Bazar Verdes, coa que falabamos en novembro, ás portas desta fase vén de preparar esta videoreceita como representante galega no prestixioso certame. Xa podes votar por ela aquí
A cociñeira bergantiñá, estudante do CFIP Paseo das Pontes da Coruña, aspira, entre outros 50 concursantes, a unha bolsa valorada en 40.000 euros e outra de 23.000, que lle permitirá cursar o recoñecido Grand Diplôme nunha das mellores escolas gastronómicas do mundo.
Bazar demostra nesta videoreceita as súas habilidades culinarias e creativas cun prato elaborado a partir dunha proposta común: “Coello, râble recheo e cenoria glaseada cunha segunda guarnición e unha salsa de castaña galega”, escollida esta por ela mesma para poñer en valor o noso produto.
Os votos obtidos a través da rede social constituirán o 15% da valoración dos participantes, e sumaranse aos votos do xurado profesional, composto por profesores de chef da Escola. As votacións estarán abertas ata o 24 de febreiro. O 25 de febreiro, Le Cordon Bleu Madrid dará a coñecer os 10 finalistas que participarán na gran final na súa sede de Madrid en abril.
Os finalistas deberán presentar o seu prato ante un xurado profesional, que na súa última edición estivo presidido por Eduard Xatruch, cociñeiro catalán con 3 estrelas Michelín e 3 soles Repsol.
Estaremos atentos ao devir do certame e tamén pendentes do Campionato de Europa de Panadaría no vindeiro mes de setembro.