sábado. 07.12.2024
El tiempo

Maria Bazar Verdes: "Con 9 decidín mandarlle unha carta ao alcalde para que fixera un curso de cociña"

  • A pontecesá está entre as finalistas do Premio Promesas Alta Cociña Le Cordon Blue
Maria Bazar Verdes cocineira de Ponteceso
María Bazar Verdes en acción
Maria Bazar Verdes: "Con 9 decidín mandarlle unha carta ao alcalde para que fixera un curso de cociña"

Xa está afeita a premios e concursos, pero “sempre é unha alegría saber” que Le Cordon Bleu Madrid te seleccionou para participar na XIII edición do Premio Promesas da Alta Cociña. Entre os 50 alumnos e alumnas de toda España que acceden a este prestixioso concurso gastronómico, temos a María Bazar Verdes. Natural de Tella, Ponteceso, aos seus 21 anos, esta estudante de FP do CIFP Paseo das Pontes xa sabe o que é gañar premios como o Medalla de ouro nas Galician Skill 2023, o Concurso de Cociña e Coctelaría “Memorial Fraga do Eume”, xunto ao seu compañeiro Jacobo Diz (gañador do Premio estatal o ano pasado) ou mesmo a Medalla e Ouro mesmo na estatal SpanishSkills.

Agora, María competirá con alumn@s, de menos de 25 anos, que realizan o último curso de formación en cociña en calquera centro do país, por un premio moi especial: unha beca que lle permitirá seguir formándose durante un ano en Le Cordon Bleu Madrid, a través de dúas bolsas concedidas aos dous primeiros clasificados por un valor de 23.000€.

Primeiro terá que enviar un vídeo antes do 22 de xaneiro; o 25 de febreiro publicaranse os 10 finalistas que competirán presencialmente nun evento no mes de abril en Madrid.

Para saber como afronta este desafío, falamos con ela:

  • Fálasnos das orixes do teu amor pola cociña?

A verdade é que sempre me gustou, dende que era moi pequena. Na miña casa cociñaban todos, e sempre estaba atento a como o facían miñas dúas avoas, os meus pais…
Lembro que tiña gañas de ir a clases de cociña, pero en Ponteceso non había. Sobre 8 ou 9 decidín mandarlle unha carta ao alcalde, daquela Fondo Aguiar, para ver se traía clases de cociña. Meus me dicían que non ía servir para nada, pero finalmente o Concello si que organizou uns obradoiros e troxeron a Juan Bautista, cociñeiro de Baio, co que aprendín moito sobre cociña tradicional.

  • Foi aí cando soubeches que te querías dedicar á Cociña?

A verdade que si. Aí souben que quería dedicarme á cociña, e a partir de aí funme formando e informando sobre cociña máis innovadora.
Si que é certo que ao rematar o Bacharelato entrei na Universidade porque había xente que me dicía que, coas miñas boas notas, buscara unha alternativa, que a cociña era moi dura. Pero non aguantei moito e como eu tiña moi clara a miña vocación, decidín deixalo

  • Foi aí cando empezaches xa no CIFP Paseo das Pontes.

Si, fun directa para o Paseo das Pontes. Está superben, ten un equipazo de profesores superpedentes de todo. Se tes interese, oportunidades vas ter sempre. Lévannos a eventos, charlas… é unha pasada.

  • E parece que te estás especializando en Panadaría?

Dende fai un ano propuxéronme participar nun Campionato de panadaría, e aceptei porque así tamén aprendo. Competín a nivel autonómico e a nivel estatal, conseguindo sendas medallas de ouro, e acabei no Campionato do Mundo.

  • No Campionado do Mundo??? Como foi iso?

Si, o pasado mes de setembro fun ao WorldSkills. Unha vez que gañas en Galicia, e pasas ao Nacional, pasas a formar parte de algo así como a “Selección Española”, así que todos os da Selección fumos a Lyon. De España iamos un alumno de cada modalidade, e alí competimos con alumnos de todo mundo. España tiña poucas opcións a medallas, porque os asiáticos, por exemplo, prepáranse moitos máis. Pero foi unha experiencia incrible.

Maria Bazar no WorldSkills

  • Vaste seguir especializando en panadaría?/

Teño o campionato de Europa o vindeiro mes de setembro, polo que seguirei formándome no Paseo das Pontes en panadaría, pero sen deixar de lado a cociña, que é a miña paixón.

  • Que te parece termos na comarca dous panadeiros entre os 50 mellores de España?

Si, fantásticos! En Galicia sempre houbo boa tradición, pero está ben que se recoñezan.

  • Hai pouco estiveches facendo as prácticas en todo un 2 Estrella Michelín como Culler de Pau? Como foi, que aprendiches?

Estiven 3 meses, e apréndese moito. Foi moi esixente pero moi produtivo. Máis que nada, aprendes disciplina, orde, organización, xestión… Cociña xa se ensinan na escola, pero para entrar na empresa, no mundo profesional, isto é necesario.

  • Cales son os teus plans de futuro?

Agora centrarme no concurso de Le Cordon Blue a ver se consigo esa beca e vou a Madrid a estudiar un ano. Porque é certo que amo a nosa terra, pero si que me gustaría saír un pouco de Galicia, viaxar, e ver mundo. Creo que necesito ir a traballar por España ou polo estranxeiro para seguir aprendendo.
E xa co tempo, máis adiante, acando teña definido o meu estilo de cociña, si que me gustaría acabar montando algo eu.

  • Unha pregunta random: Berberechos do Anllóns, Fabas da Trabe ou Patacas de Coristanco?

Buf… Non sei podería elixir, eu creo que unha combinación das tres!.

Máis novas

Comentarios