Este pasado xoves 21 de maio tiña lugar un novo pleno extraordinario no Concello de Vimianzo. Solicitado polo grupo opositor de Adiante Vimianzo, tivo enriba da mesa as súas 8 propostas para o plan de acción perante a crise, ademais dunha achegada polo grupo popular. Un pleno do que os asistentes doarán as súas retribucións a Protección Civil.
Ningunha das medidas saíu aprobada, e o Concello continúa coa súa idea de “escoitar, analizar e despois facer propostas para reactivar a economía”, como nos recoñecía a alcadesa Mónica Rodríguez. Os votos en contra do PSOE e a abstención do PP impediu que o Concello comprometese medio millón de euros para paliar a crise. Precisamente ante esta postura da edil popular a alcaldesa quixo agradecer a “responsabilidade política do grupo popular de Vimianzo para coa veciñanza”.
Precisamente nesa contía foi na que o grupo de goberno se baseou para rexeitar unhas medidas coas que concorda en boa parte, e que coinciden co Plan de Activación no que o Concello leva traballando case dous meses. “As liñas presentadas coinciden en parte coas que nós xa estamos a levar a cabo. Por outra banda, entendemos que o xeito de executalas podería comprometer enormemente as contas municipais, cousa que non podemos permitir”, argumenta a rexedora.
Unha razón que non comparte o grupo opositor que non cre que ese investimento signifique "atar de pés e mans ao goberno, pois falamos de darlle saída a unha parte do orzamento comprometido para unha serie de actuacións ou eventos que non tiveron ou non van ter lugar: Xantar dos Maiores, Asalto ao Castelo, festas patroais das parroquias…”