A pasarela da Deputación enmárcase como o evento central da Mostra do Encaixe de Camariñas
08:12 07/04/17
Medio cento de palilleiras, ademais dos representantes institucionais, asistiron onte á presentación da Mostra na Deputación da Coruña
Onte presentouse na Deputación da Coruña o programa da XXVII Mostra de Encaixe de Camariñas nun acto no que estiveron o presidente provincial, Valentín González Formoso; o alcalde camariñán, Manuel Valeriano Alonso de León, e a concelleira Delegada de Encaixe, Sandra Ínsua. A presentación tamén contou coa presenza de medio cento de palilleiras de Camariñas - coas súas respectivas almofadas - que efectuaron unha demostración en vivo da súa arte, acompañadas pola cantante Rosa Cedrón, encargada de interpretar a popular cantiga de Camariñas.
O evento central da Mostra de Encaixe - que se celebrará entre os días 12 e 16 de abril - será a pasarela Deputación da Coruña, na que se mostrarán creacións elaboradas con encaixe de Camariñas por 32 deseñadores noveis e 10 firmas internacionais, entre as que se atopan a xaponesa Noriko Hashizume e a madrileña Devota&Lomba.
O concello decidiu poñer o nome da institución provincial ao desfile en agradecemento ao “apoio fundamental, tanto económico como material a través da imprenta provincial, para garantir a continuidade da Mostra”, segundo explicaron o rexedor e a concelleira. González Formoso tamén recibirá o “Pin de Ouro” durante a Mostra, un recoñecemento que lle fai o concello ao consideralo un dos principais valedores da Mostra do Encaixe.
Valentín González Formoso enmarcou o apoio na “longa traxectoria de colaboración” entre o concello de Camariñas e a institución provincial para potenciar a Mostra dende a súa primeira edición. Este ano, a achega da Deputación para a celebración da Mostra ascende a 120.000 euros.
A Deputación da Coruña achega 120.000 € para a celebración da Mostra do Encaixe de Camariñas
O presidente provincial agradeceu á representación de palilleiras o seu compromiso coa Mostra e coa transmisión “dun oficio centenario” ás novas xeracións, e destacou que “coas súas mans expertas” manteñen vivo un arte que definiu coma “unha das bandeiras da provincia”. Neste sentido, González Formoso afirmou que “para a Deputación da Coruña é un orgullo presentar un ano máis esta feira estratéxica”, que conta cunha gran acollida con máis de 20.000 visitantes en cada edición.
Así mesmo, Manuel Valeriano Alonso destacou o “impacto económico” da Mostra, que impulsa a pervivencia “dunha actividade tradicional, que en tempos difíciles contribuíu a sacar adiante ás familias e constituíu o modo de vida de moitos fogares”. Pola súa banda, o alcalde afirmou que a feira supón tamén “facer país” e contribuír á “Marca España dende Camariñas”, posto que esta edición contará coa asistencia de delegacións de 17 países, entre os que se atopan Xapón, Arxentina, A India, Rusia, Bulgaria, Estonia, Francia, Italia, Inglaterra, Polonia, Portugal, República Checa ou Suíza.
Máis actividades
A feira seguirá o formato dos últimos anos, con dous pavillóns, un onde se realizará un encontro internacional que reunirá a máis de 150 palilleiras cada día, e outro que albergará os desfiles.
O programa da XXVII edición inclúe unha actuación cada día, que acompañará aos desfiles da pasarela Deputación da Coruña. O mércores, actuarán Rosa Cedrón e Miguel Arthús e haberá diferentes obradoiros tanto para nenos coma para adultos, ademais de degustacións de produtos típicos da zona e tamén de Xapón, un dos países que participa por primeira vez este ano na Mostra.
O xoves realizará unha performance Pablo Méndez, o venres Cristián Silva e Suso Iglesias, o sábado Óscar Ibáñez e o domingo Andrea Pousa. Ademais, a feira estará amenizada polas actuacións diarias do grupo municipal de gaitas.
Novas relacionadas
- Abril 2017: A firma galega Javier Barrio incorporase á Mostra do Encaixe de Camariñas
- Marzo 2017: Camariñas leva a súa Mostra do Encaixe ata Xixón
- Marzo 2017: Camariñas promociona en Vigo a 27 edición da mostra do Encaixe
- Marzo 2017: Quimonos xaponeses de encaixe para a Mostra 2017
- Marzo 2017: O cartel da XXVII Mostra do Encaixe devólvenos á Camariñas de 1912.
- Decembro 2016: 28 coleccións no novo Concurso de Deseñadores Noveis do Encaixe de Camariñas.
- Palilleiras de Camariñas participan na mostra internacional do encaixe de Peniche
- De Camariñas a Los Ángeles pasando por Vigo
- Mostra 2016: A Mostra do Encaixe, o Faro que alumea a comarca
- Mostra 2016: A Mostra do Encaixe abre as súas portas
- En marcha a Mostra do Encaixe, o motor económico da comarca
- Rosa Mouzo: “As mulleres de Camariñas levamos o encaixe na pel”.
- O encaixe de Camariñas chega ao Parlamento de Galicia
- Atopan a que podería ser a peza de encaixe máis antiga que se coñece na Costa
- Mostra 2015: A Mostra do Encaixe bate marcas con máis de 23.000 visitantes
- Mostra 2015: Comezo reivindicativo dos 25 anos de Mostra de Encaixe.
- Mostra 2015: A moda, a gran protagonista dos 25 anos da Mostra do Encaixe.
- Teddy Vilán, a primeira mascota da Mostra do Encaixe.
- O Encaixe de Camariñas, o que máis triunfa na FITUR.
- Un corazón para celebrar os 25 anos da Mostra do Encaixe.
- Mostra 2014: A Mostra do Encaixe segue crecendo tras recibir a máis de 20.000 persoas.
- Mostra 2013: O Encaixe continúa sumerxíndose no século XXI.
- Mostra 2012: 17.000 visitantes fan do Encaixe un produto de moda a pesar dos recortes.
- Mostra 2011: Camariñas pon a tradición de moda.
- A Mostra de Encaixe, unha de Festas de Interese Turístico na Costa da Morte.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación de A Coruña
- Concello de Camariñas