60 nen@s disfrutan ao máximo dos dous campus de Fútbol da Laracha
O programa municipal de Verán do Concello de Laracha comeza con fútbol. Xa están en marcha os dous campus de fútbol gratuitos, con 60 nenos e nenas repartidos por idades. De 5 a 10 anos están realizando a actividade no Campo Municipal da Laracha e os de 11 a 16 anos, no Campo A Porta Santa de Paiosaco.
En ambos casos o campus terá lugar a diario ata o venres en horario de 10:30 a 13:30 horas.
Campus da Laracha
Outras actividades do programa
O prazo de inscrición permanece aberto na maior parte das actividades do programa de verán. Soamente están pechados en aquelas que teñen todas as prazas outorgadas por orde de inscrición cubertas (karts, surf infantil e paintball infantil) e no campamento summer camp, no que hoxe é o último día para anotarse e as prazas dispoñibles serán adxudicadas no sorteo público que se realizará este mércores ás 12:00 horas na Casa da Cultura da Laracha.
Tanto acudindo ao Concello como cubrindo o formulario dispoñible na web municipal as persoas interesadas aínda poden apuntarse a actividades infantís como o campus de baloncesto (26 ao 30 de xullo no pavillón Municipal da Laracha), Humor Amarelo na Coruña (14 de xullo), inchable banana acuática en Gandarío (3 de agosto) e a visita ao museo etnolúdico de Ponteceso (20 de agosto).
Para o público xuvenil e a adulto aínda hai prazas dispoñibles en todas as actividades: barranquismo no río Almofrei (5 de agosto), kaiak e paddle surf en Gandarío (12 de agosto), Humor Amarelo na Coruña (17 de agosto), surf en Caión (26 de agosto) e nos obradoiros de beatbox, breakdance e freestyle football que terán lugar o 10 de setembro na Laracha durante a celebración da xornada de cultura urbana.