Luns. 29.04.2024
El tiempo

O alcalde da laracha recibiu aos traballadores de Celsa Atlántic

Traballadores de Celsa Atlantic e da CIG co alcalde da laracha
O alcalde da laracha recibiu aos traballadores de Celsa Atlántic

Continúa no aire o mantemento dos postos de traballo da factoría de Clesa Atlántic na Laracha. Se ben a oposición e os sindicatos pedían unha "actitude firme e proactiva da Xunta" ante o conflito, esta pasada mañá de luns, o alcalde da Laracha recibía aos traballadores para expresarlle o seu apoio,  trala recente sentenza xudicial que supón o cambio de control da siderurxia e avala o plan de reestruturación proposto polos fondos acredores.

O rexedor municipal -ademais do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Emprego, Rocío López, tamén presentes na xuntanza-, interesáronse pola situación actual dos traballadores da factoría, mostráronlles a súa solidariedade e comprometéronse a apoiar as iniciativas e reivindicacións que se leven a cabo na defensa do mantemento de todos os postos de emprego ao tratarse dunha planta con potencial e capacidade produtiva.

A fábrica de Celsa Atlantic é estratéxica no termo municipal da Laracha en particular e na comarca de Bergantiños en xeral xa que a súa actividade xera preto de douscentos postos de traballo entre directos e indirectos. Conservar a actividade na factoría é esencial para garantir o futuro industrial da Laracha e protexer o emprego de calidade como elementos clave do desenvolvemento económico do municipio.

Comentarios