Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Arqueólogos do CSIC realizan unha prospección xeofísica no Castro de Montes Claros

2024.05.28.- Castro de Montes Claros-LARACHA
alcalde, José Manuel López Varela, e a edil Rocío López, reunínrose no propio xacemento cos promotores do proxecto Hinterland e con Puri Soto, a arqueóloga que dirixe as intervencións municipais no Castro de Montes Claros.
Arqueólogos do CSIC realizan unha prospección xeofísica no Castro de Montes Claros

Non frea a posta en valor e estudo do Castro de Montes Claros, na Laracha. Esta semana, un equipo de arqueólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), centro pertencente ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), está a levar a cabo nestes días unha prospección xeofísica. Faise no marco do proxecto Hinterland, financiado pola Axencia Estatal de Investigación e co-dirixido por César Parcero Oubiña e David González Álvarez, que ten por finalidade pescudar que facían os habitantes dos castros fóra dos límites das murallas e que tipo de restos arqueolóxicos da época poden existir no seu exterior.

Os investigadores están a empregar diferentes equipos que permiten radiografar o chan para amosar o que pode haber soterrado, cunha técnica non invasiva similar a como se fan as radiografías do corpo humano. Nestes días no Castro de Montes Claros utilizan o gradiómetro, aparello que mide cambios no magnetismo do terreo que poden indicar a existencia de muros, foxos, gabias ou lareiras. 

Trátase dunha primeira fase de probas coa que pretenden obter información sobre o funcionamento óptimo das técnicas empregadas nun tipo de terreo das características do Castro de Montes Claros e facer unha aproximación á presenza de estruturas soterradas en varios espazos reducidos do sitio e da súa periferia inmediata para ver cales son as zonas con maior potencial. Segundo os resultados obtidos, en próximas datas, previsiblemente durante o verán, faríase un traballo máis amplo cubrindo espazos de maior extensión.

O estudo ten unha dobre finalidade, xa que se agarda que os resultados aporten datos de valor para o proxecto Hinterland e que tamén sexan de utilidade para as iniciativas que promova o Concello da Laracha para a posta en valor do castro. 

Máis novas

Comentarios