Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Avanza a segunda escavación do Castro de Montes Claros

Escavación arqueolóxica Castro de Montes Claros laracha 2023
Avanza a segunda escavación do Castro de Montes Claros

Despois da primeira intervención realizada en 2021 e que incluíra dúas catas coas que se sondearon a croa e a terraza inicial, esta semana deu comezo a segunda escavación arqueolóxica do Castro de Montes Claros. O Concello da Laracha quere darlle valor a este poboado fortificado da Idade do Ferro situado entre as parroquias de Cabovilaño e Vilaño, e para iso, a empresa Árbore Arqueoloxía, baixo a dirección de Puri Soto, traballará durante un mes para descubrir máis segredos históricos, e convertir o enclave nun potente axente turístico e didáctico.

Esta segunda escavación pretende ofrecer un contexto histórico á época; estudar o papel xogado polo antigo poboado na conformación das primeiras paisaxes agrarias e as transformacións sufridas durante a romanización; e conservar as estruturas aparecidas.

Agora mesmo estase traballando no barrio extramuros da porta leste do xacemento, lugar no que foran descubertas dúas pías hidráulicas escavadas na rocha que agora son obxecto dunha investigación para tratar de determinar a súa función.
A continuación tamén esta previsto intervir sobre as estruturas que definirán a entrada principal á croa do castro.

Divulgación

E parte fundamental do proxecto será contar o achado. Así, serán deseñadas campañas de promoción e explicación dos resultados da intervención arqueolóxica como recursos culturais e didácticos especialmente dirixidos aos centros de ensino. Neste sentido, para o xoves da semana que vén (4 de maio) xa está prevista a visita dun grupo de alumnos do colexio coruñés Fogar de Santa Margarita para realizar actividades e obradoiros. Ademais, a andaina solidaria que organiza este domingo a Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cacro en colaboración co Concello, inclúe unha visita guiada ao castro.

O proxecto continuará tamén durante o verán coa intervención dun Campo do Voluntariado Internacional.

RELACIONADOS

 A Laracha prepara unha nova visita guiada ao Castro de Montes Claros

Comentarios