Comproban que existe un foco de contaminación de pellets de plástico na praia das Salseiras

Volveu á praia das Salseiras o voluntariado de Mar de Fábula, para ratificar a presenza dun foco de ontaminación crónica de pellets de plástico na praia larachesa. É o terceiro mes que van e seguen comprobando que os pellets seguen aparecendo semana tras semana, lonxe dos tempos do Toconao.
Durante 2 horas de dedicado traballo por parte dos 8 voluntarios que participaron na limpeza, apañáronse pellets de resina a mans cheas e milleiros de microplásticos e lixo plástico miudo además de bastonciños de algodón, tapóns de botellas, cabichas, anacos de cordas e plástico blando, envases de golosinas e un longo etc., todo lixo plástico miúdo sobre o que as administracións fan a vista gorda para non velo pero que é a fracción máis perigosa da contaminación do lixo plástico no mar.
O colectivo lamenta que o Concello utilizase maquinaria pesada para limpar a praia como mostran as pegadas das rodas do tractor por todas partes porque “este tipo de limpeza, o único que fai é romper as liñas de marea e soterrar na area o lixo que estaba na superficie, é dicir, agochar o problema e aparentar de cara á galería que a praia está limpa cando non é certo como Mar de Fábula pode demostrar”.