Mércores. 08.05.2024
El tiempo

O Concello da Laracha lembra aos propietarios a cumprir a faixa de biomasa antes do 31 de maio

Parcela particular en Lestón sen xestionar a biomasa
O Concello da Laracha lembra aos propietarios a cumprir a faixa de biomasa antes do 31 de maio

Pouca atención prestan os Concellos ao cumprimento da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e da Lei do Solo de Galicia. Unha lei que establece a obrigatoriedade de xestionar a biomasa das fincas e montes cada ano antes do 31 de maio, así como as distancias mínimas a ter en conta nas plantacións forestais.

Poucos Concellos como o da Laracha fan este recordatorio, e mesmo fan unha campaña de multas, para que a veciñanza tomen en conta as súas responsabilidade. De feito, a Policía Local realizou no ano pasado 350 intervencións relacionadas con incumprimentos desas normativas.

Polo de pronto, o Concello está a desenvolver unha campaña informativa -que inclúe iniciativas como a difusión dun bando municipal- co propósito de facilitar á cidadanía o coñecemento e o cumprimento desas normativas.

Máis info sobre a Lei

Que é unha faixa de xestión de biomasa?
É unha faixa de terreo na que se controlan o tipo e a altura da vexetación para previr o inicio dun lume, a súa propagación e os seus efectos. As faixas de xestión de biomasa conforman redes primarias, secundarias e terciarias, segundo as súas funcións. As primarias e terciarias están xestionadas directamente pola Consellería do Medio Rural, e as secundarias, polos concellos.

Cales son os ámbitos e obxectivos das redes secundarias?

  • Manter limpo o perímetro do monte e dos núcleos de poboación, de xeito que debe deixarse unha faixa limpa de polo menos 100 metros arredor dos núcleos. Ademais, a menos de 50 metros das vivendas e doutros 50 a partir do límite do núcleo rural limítanse as plantacións.
  • Manter limpas as beiras das infraestruturas públicas.
  • Manter limpa unha faixa de 5 metros na contorna das liñas eléctricas.
  • Nas zonas de alto risco de incendio, como é o caso do noso concello, debe manterse limpa ou rareada unha faixa de 50 metros nas novas edificacións de uso residencial, comercial, industrial ou de servizos, instalacións agrogandeiras
  • ou forestais.

Quen é responsable da limpeza das faixas?
As persoas propietarias, arrendatarias, usufrutuarias ou titulares das parcelas. As administracións, entidades ou sociedades titulares das vías de comunicación e das liñas eléctricas.
 

Como se pode poñer en coñecemento da Administración o incumprimento da lexislación?
O procedemento pode realizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Carballo, tanto de maneira telemática como descargando o impreso de solicitude xeral e presentándoo en calquera dos rexistros municipais (Casa do Concello, Pazo da
Cultura, Servizos Sociais, Fórum Carballo, Carballo Deporte e rexistro telemático).

Cando debe facerse a limpeza?
Antes do 31 de marzo de cada ano.

Que pasa se non se fai?
A Consellería do Medio Rural ou o Concello, segundo os casos, notificará ás persoas titulares das parcelas a obriga de comezar a limpeza nun prazo máximo de 15 días. No caso de que se incumpra ese prazo, o organismo competente poderá ordenar os traballos de limpeza repercutindo os gastos na propiedade, obrigará a que se lle facilite o acceso para o cumprimento da limpeza subsidiaria, se é o caso; iniciará o procedemento sancionador e, no caso de incendio, poderá limpar ou realizar traballos preventivos sen autorización previa. As sancións ás que se expoñen as persoas que non limpen as súas propiedades van, no caso do incumprimento da ordenanza municipal, de 250 a 2.400 euros, e por incumprir a lei autonómica poden acadar os 100.000 euros.

Novas relacionadas

Comentarios