O pleno larachés trasladouse á Casa da Cultura polo inicio das obras da Casa do Concello
- O PSOE propuxo máis participación veciñal

O Concello da Laracha celebraba onte o Pleno da Corporación municipal correspondente ao mes de xullo, a primeira en realizarse na Casa da Cultura tralo inicio das obras de rehabilitación integral da Casa do Concello.
Unha das cuestións máis destacadas foi a aprobación definitiva do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Medio Rural impulsado en Montemaior pola Fundación Galicia Sustentable, organización sen ánimo de lucro. O seu ámbito de aplicación abarca dúas parcelas catastrais de titularidade privada que suman unha superficie total de 45.038 metros cadrados, emprazadas no Igrexario desa parroquia. O obxecto do Plan Especial é a ordenación detallada do ámbito e a concreción dos seus usos que permitan destinalo á implantación dunha dotación multifuncional dedicada á investigación para a protección e recuperación de espazos de valor ambiental que sexa referente para a prosperidade do medio rural. O asunto saíu adiante coa única abstención do grupo do BNG.
O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que os terreos do Plan son de propiedade da entidade promotora e que conta con todos os informes sectoriais necesarios para un trámite destas características que afecta a solo rústico. O rexedor concluíu afirmando que a iniciativa da Fundación Galicia Sustentable ten “un importante valor experimental e de divulgación científica”.
Propostas do PSOE
O Grupo Municipal Socialista da Laracha defendeu unha postura crítica pero construtiva ante o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións no Medio Rural en Montemaior. A formación socialista valorou positivamente a orientación agraria e sostible do proxecto, pero calificou de insuficientes as garantías actuais en materia ambiental, de participación veciñal e de transparencia urbanística.
“Queremos que Montemaior sexa un referente, pero con consenso veciñal, planificación clara e respecto polo territorio”, explicou Inés Ramos, voceira do Grupo Socialista na Laracha.
Neste contexto, o PSOE presentou unha emenda ao acordo plenario coa intención de incorporar ao documento final un marco normativo máis claro que delimite os usos permitidos, evitando calquera uso residencial ou turístico alleo á actividade agraria. A emenda foi rexeitada cos votos en contra do goberno local, que xustificou a súa postura afirmando que se trataba dunha iniciativa privada e que xa se celebraran dúas presentacións do proxecto. Pola contra, a ditas presentacións non foi convidada toda a corporación municipal.
Festivos locais
Por outra banda, e tal e como é tradición no concello da Laracha, quedaron fixados o Martes de Entroido (17 de febreiro) e o día da Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro) como os festivos locais para o ano 2026, o que foi aprobado por unanimidade dos tres grupos municipais.
Outras
Tamén foi aprobada, neste caso coa abstención do PSOE, a incoación de expedientes de investigación de titularidade nun total de 22 camiños co propósito de facer constar con suficiente detalle as mencións necesarias para a súa identificación e, nos que resulte preciso, reflectir a situación xurídica e destino de uso ao que están sendo dedicados. O alcalde apuntou que este procedemento tivo que retrotaerse para poder notificar a todos os propietarios das fincas lindeiras.
Ademais, foi aprobada unha moción presentada polo grupo municipal popular na que se amosa o rexeitamento expreso á corrupción e se esixe ao Goberno de España a inmediata depuración de responsabilidades, a colaboración con todas as instancias xudiciais e a convocatoria de eleccións xerais.