Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A especialidade de carpintería do obradoiro de emprego da Laracha comeza a actuar no paseo fluvial do Anllóns

Alumnos traballadores e persoal docente do Obradoiro de emprego A Laracha V  no paseo fluvial.
Alumnos traballadores e persoal docente do Obradoiro de emprego A Laracha V no paseo fluvial.
A especialidade de carpintería do obradoiro de emprego da Laracha comeza a actuar no paseo fluvial do Anllóns

Os alumnos traballadores e o persoal docente do Obradoiro de emprego A Laracha V continúan desenvolvendo os contidos e avanzando no procedemento de formación previstos no programa dual organizado polo Concello da Laracha coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Despois de preto de dous meses desde que comezaron as clases teóricas e as primeiras actuacións prácticas no taller, os dez alumnos traballadores da especialidade de carpintería están aplicando agora esa aprendizaxe nas actuacións que realizan no paseo fluvial do río Anllóns e que lles permiten  adquirir experiencia ao mesmo tempo que melloran esta infraestrutura municipal para beneficio xeral dos laracheses.

Os traballos que se están acometer consisten na limpeza da pasarela de madeira, reparacións e substitucións das táboas deterioradas e aplicación de lasur, un produto especialmente indicado para o tratamento da madeira en exteriores polo seu efecto antideslizante e por favorecer a súa conservación.

Cabe lembrar que o Obradoiro de emprego A Laracha V conta cunha segunda especialidade, a de pintura industrial, na que haoi outros dez alumnos traballadores e que intervirán na Casa da Cultura -onde xa están en marcha as primeiras actuacións-, na Casa do Concello, no edificio administrativo, no centro sociocultural de Paiosaco, nas pistas polideportivas de Cabovilaño e de Cumiáns (Montemaior) e na mellora dos báculos da iluminación pública nas rúas do municipio.

Durante os nove meses de duración do obradoiro, os vinte alumnos traballadores participantes, todos eles residentes no termo municipal da Laracha, terán a posibilidade de mellorar a súa empregabilidade participando neste programa formativo remunerado e aprendendo un oficio para facilitar a súa posterior inserción no mercado laboral. Todas as persoas que conclúan con éxito as aprendizaxes teóricas e prácticas recibirán o certificado de profesionalidade na súa correspondente especialidade homologado pola Xunta de Galicia que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión.

Paralalemente, o Concello da Laracha tamén realizará unha intervención no paseo fluvial do río Anllóns dirixida a reparar os danos sufridos durante os últimos temporais e provocados principalmente pola caída de árbores sobre a pasarela de madeira. Por dito motivo desde o Concello pídese precaución aos usuarios, e con esa finalidade foron colocadas sinais de advertencia en todas as entradas ao paseo fluvial.

Comentarios