Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Laracha aproba os Orzamentos 2022

A Laracha aproba os Orzamentos 2022

Cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención do PSOE e a negativa do BNG, o pleno celebrado este venres na Laracha dou por aprobados os orzamentos para este 2022. É o concello bergantiñán o primeiro da comarca en aprobar as contas para o curso, que presenta unha cifra importante: 8,16 millóns de euros, un incremento do 3,77 % motivado pola maior participación nos ingresos do Estado e polo reforzamento nas achegas da Xunta e da Deputación da Coruña para o financiamento de programas de servizos sociais.

Precisamente o alcalde López Varela pon aí o foco: “Os servizos sociais son un puntal importante da acción do grupo de goberno”, destinando a eles 1.775.000 euros, o que supón o 20% do total dos orzamentos. O reforzamento dos servizos como o de axuda no fogar é o principal aumento.

A cantidade de 1.240.000 euros (os capítulos 6 e 7) irán para a mellora de infraestruturas públicas.Máis de 834.000 euros están consignados para actuacións na rede viaria das trece parroquias do municipio; destacando tamén á construción da nova estación de tratamento de auga potable e de humanización de rúas no entorno do recinto feiral de Paiosaco.

Débeda do estado

Así mesmo, o alcalde mostrou a súa preocupación polo retraso no pagamento por parte do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) –entidade pública dependente da Secretaría de Estado de Energía e adscrita ao Ministerio de Transición Ecológica- das achegas correspondentes para o financiamento dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética xa concluídos. Detallou que o Concello adiantou 1,2 millóns de euros para a execución das actuacións.

RPT

Ademais dos orzamentos, na sesión plenaria tamén foron aprobados a creación e inclusión na relación de postos de traballo dunha praza de auxiliar administrativo adscrita á unidade de rexistro, padrón e atención ao público do departamento de Secretaría e Administración Xeral –coa abstención do BNG e o voto a favor do PSOE- e do recoñecemento do complemento de antigüidade ao persoal laboral fixo, indefinido e temporal mediante o sistema de trienios, tal e como fora negociado previamente coa representación sindical –neste caso, por unanimidade dos tres grupos-.

Comentarios