Mércores. 01.05.2024
El tiempo

A Laracha quece motores para as Festas Patronais

O cartel con todos os eventos programados para esas datas foi presentado polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Festas, Patricia Bello, e o presidente e a vogal da Comisión de Festas da Laracha, Josecho Campos e Elena López.
A Laracha quece motores para as Festas Patronais

A capital municipal da Laracha celebrará as festas patronais durante catro días, do 14 ao 17 de agosto. O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu o traballo da Comisión de Festas e expresou o “orgullo por ter colaborado con eles desde o Concello para poder organizar unha programación de alta calidade e do nivel que merece A Laracha para festexar os días grandes da parroquia de Torás e da capital municipal”.

O programa destaca pola cantidade, calidade e variedade das propostas culturais, deportivas e festivas -con orquestras de primeiro nivel- ás que se anima a asistir a todos os públicos. Do mesmo xeito que en anos precedentes, haberá dous escenarios principais nos que se desenvolverán os eventos, acollendo a Praza do Concello as sesións vermú e a Praza Les Sables d’Olonne, a maior parte das actividades das tardes e tamén todas as verbenas nocturnas.

Festas A Laracha 2023

O cartel das festas ábrese na tarde do luns día 14 de agosto co concerto infantil da banda de rock galego A Gramola Gominola a partir das 19:00 horas.
Pola noite, verbena coa orquestra Los Satélites e a disco móbil Movemento, que será a encargada da fin da festa en cada unha das catro xornadas.
O día grande será o 15 de agosto. A mediodía haberá pasarrúas a cargo da banda de gaitas Brisas do Quenllo. Ás 13:30, misa solemne na honra da Nosa Señora, á que seguirá a sesión vermú. Pola tarde, nova edición do trofeo de fútbol “Concello da Laracha” no campo Municipal que, como é tradicional, disputarase en formato triangular e participarán o Laracha CF, a UD Paiosaco e o Club do Mar de Caión, servindo tamén o torneo como preparación na pretemporada dos tres conxuntos. Ás 20:00 horas a Asociación Cultural Santa María de Torás ofrecerá unha actuación no Praza Les Sables d’Olonne.
Pecharase a xornada coa verbena a cargo da orquestra Foliada.

O mércores 16 o pasacalles será coa banda de música Eduardo Pondal. Ás 13:00 horas sairá a procesión desde a igrexa parroquial ata a capela de San Roque e San Antonio, onde se oficiará unha misa solemne. Pola tarde, sesión vermú e espectáculo de circo de rúa (malabares, clown, equilibrios e humor) a partir das 19:00 h con Circando de Artefeito. A verbena nocturna estará
amenizada pola orquestra Escaparate.

Na última xornada, a do xoves 17, a Asociación Cultural Santa María de Torás encargarase do pasarrúas. Ás 13:30 a misa solemne será na honra do Santísimo Sacramento. Ademais da sesión vermú, pola tarde celebrarase o tradicional Día do Neno con diversidade de xogos para os máis pequenos. E á noite porase o punto e final ás festas coa verbena a cargo da orquestra París de Noia. No descanso haberá un espectáculo de fogos artificiais.
 

Comentarios