Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Laracha reforza os mecanismos de detección de posibles casos de violencia de xénero no ensino

A Laracha reforza os mecanismos de detección de posibles casos de violencia de xénero no ensino

Acolleu onte o Salón de Plenos da Laracha, unha nova reunión da mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino. Presidida pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o alcalde, José Manuel López Varela, participaron, tamén, a concelleira de Muller, Rocío López, a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, representantes dos equipos directivos e orientadoras dos centros de ensino do termo municipal (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión), a pediatra e a enfermeira de pedriatría do centro de saúde da Laracha e o comandante de posto da Garda Civil da Laracha.

O principal asunto a tratar na xuntanza consistiu no reforzamento dos mecanismos de coordinación entre a Secretaría Xeral de Igualdade e todos os sectores profesionais representados na mesa ante a detección de posibles casos de violencia de xénero coa finalidade de facilitar a comunicación e poder actuar nos prazos máis curtos posibles.

O Concello trasladou ás representantes unha guía coas fortalezas e debilidades para facilitar e optimizar o fluxo de información entre todos os implicados.

8m

Ademais, abordouse a programación municipal que se levará a cabo para conmemorar o Día Internacional das Mulleres o próximo 8 de marzo, xa que gran parte das actividades para visibilizar esa data serán desenvolvidas nos centros de ensino. Os contidos dese programa, que serán consensuados cos equipos directivos e orientadoras dos colexios e do instituto, faranse públicos en próximas datas e tamén incluirán iniciativas abertas á participación da cidadanía en xeral.

Comentarios