Luns. 29.04.2024
El tiempo

A Laracha sinaliza a senda "As Pegadas do Bradoso"

Laracha.- Sinalización As Pegadas do Bradoso
O alcalde, José Manuel López Varela, cos edís Pablo Cambón e Rocío López e o técnico municipal de Deportes, supervisaron xunto ao representante da empresa adxudicataria os traballos que se están a executar.
A Laracha sinaliza a senda "As Pegadas do Bradoso"

Co obxectivo de facer unha ruta integral, que aproveite os seus elementos patrimoniais máis destacados para potencialos e poñelos en valor como recursos turísticos, o Concello da Laracha vén de realizar un proxecto de sinalización da ruta As pegadas do río Bradoso, na parroquia de Montemaior.

A ruta obxecto da intervención é un percorrido circular de 5,74 km de distancia total máis unha variante de 0,55 km, cun ascenso acumulado de 153 metros e un desnivel de 199 metros. Comeza xunto ao centro sociocultural de Cumiáns, a escasos metros do camiño polo que se descende ao río, e destaca pola variedade de especies de flora de bosque de ribeira autóctono e a riqueza etnográfica que presenta ao concentrarse neste tramo os restos de nove dos dezaseis muíños de auga que existen no Bradoso ao seu paso polo termo municipal da Laracha, sendo os máis destacados os do Gallardo, Baldomir e O Lorteiro.

Para a adecuada sinalización do sendeiro, colocouse un panel informativo en soporte natural no punto de inicio e fin, e están a ser instalados unha trintena de postes baixos e frechas indicadoras ao longo de todo o percorrido.

Unha vez completados estes traballos, o Concello solicitará a homologación oficial do sendeiro As pegadas do río Bradoso á Federación Galega de Montañismo, fixando nun 2 o nivel de dificultade segundo o sistema da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (FEDME) e cun tempo total estimado para completar a ruta de 1 hora e 55 minutos. 

Comentarios