As Letras Galegas na Laracha teñen protagonistas da casa

O Concello da Laracha presenta a programación municipal que se vai desenvolver en torno ao Día das Letras Galegas, neste ano dedicado á poesía popular oral, personificado nas cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.
A primeira das citas será o sábado 10 de maio, tamén para conmemorar o Ano Castelao. Será co espectáculo teatral dirixido ao público infantil e familiar (maiores de cinco anos de idade) Castelao, un corazón á intemperie a cargo de Fantoches Baj a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura.
Para maiores de tres anos van dirixidas as seguintes propostas da programación, todas elas ás 18:00 horas. O mércores 14 Pablísimo chegará ao Centro Sociocomunitario de Caión con Mans, un show que mestura os monicreques e as sombras chinesas.
O xoves 15 na Casa da Cultura teremos Os contos do gato, contacontos coa compañía Bandullo azul.
E o venres 16 na biblioteca de Paiosaco ofrecerase o espectáculo de narración oral e obradoiro Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas de Polo correo do vento.
Nesa mesma data, o venres 16 pero a partir das 22:00 horas e na Praza Les Sables d’Olonne, desfrutaremos do concerto de Ailá & Cantigas e Agarimos, que deleitarán ao público cunha reinterpretación da música tradicional de baile arraigada no folclore galego.
O propio sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase no pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís a Festa Homenaxe aos nosos maiores, dirixida a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas. Ata o 13 de maio permanecerá aberto o prazo de inscrición, que debe formalizarse no Edificio Administrativo da Laracha e ten un prezo de 15 euros.
O día seguinte, o domingo 18 desde as 18:00 horas, será a quenda para que as asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión deleiten ao público cun espectáculo de música e baile tradicionais galegos na praza Les Sables d’Olonne, na que é unha das citas imprescindibles de cada ano nesta programación municipal.
Protagonistas da casa
Tamén é habitual en torno ao Día das Letras Galegas o protagonismo para as persoas participantes nas actividades do programa municipal 2024-2025 que se vén desenvolvendo desde o pasado mes de outubro e que agora finaliza.
A clausura do curso de teatro farase con dúas funcións, ambas na Casa da Cultura, ás 20:30 horas e con entrada gratuíta para o público. O venres 16 o grupo infantil porá en escena a obra Escola de bruxas e o día seguinte, o sábado 17, o grupo de adultos presentará Unha de romanos.
Ademais faranse as tradicionais exposicións dos traballos dos alumnos participantes nos cursos de manualidades, macramé, cerámica, labores de tecido, encaixe de palillos e restauración e tapicería. A da Laracha será no baixo da biblioteca do 17 ao 20 en horario de 17:00 a 21:00 h (inauguración o venres 16 ás 20:00 h). As de Paiosaco (Centro Sociocultural) e Caión (oficina de turismo) estarán abertas do 23 ao 25, de 17:00 a 20:00 h (inauguración de ambas o día 23 ás 17:00 h).