Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Luar na Lubre protagoniza o progama das Letras Galegas da Laracha

Letras Galegas Laracha 1
Luar na Lubre protagoniza o progama das Letras Galegas da Laracha

Xa temos o programa do Día das Letras Galegas, que este ano vai dedicado ao escritor e editor Francisco Fernández del Riego, da Laracha

O acto central será o concerto que Luar na Lubre ofrecerá o martes 16 na praza Les Sables d’Olonne da Laracha, no que un dos grupos galegos máis importantes do momento presentará o seu último traballo, Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos, que pon banda sonora ao Camiño de Santiago con temas que intercalan creacións novas e sonoridades propias dos sendeiros e lugares que percorre o itinerario xacobeo.

Letras Galegas Laracha 2

O programa das Letras Galegas tamén inclúe outras moitas actividades e eventos dirixidos a todos os públicos. Para os máis pequenos proponse un festival de teatro infantil, con funcións ás 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha (As palabras perdidas, de Inventi Teatro, o martes 16), centro sociocultural de Paiosaco (A festa da iguana, de Teatro Calavera, o xoves 18) e centro sociocomunitario de Caión (Unha nova Galaxia. Francisco Fernández del Riego, de Trémola Teatro, o venres 19).

Outra novidade desta programación municipal será o espectáculo de baile latino En clave tropical que ofrecerá a Escola de Baile Tropicalia o sábado 20 a partir das 19:00 h na Laracha. Ao remate da actuación, realizarase un obradoiro de bailes latinos no que poderá participar o público presente. 

Non faltarán a música e o baile tradicionais galegos co protagonismo das asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión, que ofrecerán unha actuación o domingo 21 a partir das 18:00 horas na praza Les Sables d’Olonne.

O sábado 13 o pavillón do IES Agra de Leborís acollerá unha nova edición da Festa Homenaxe para persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas. Consistirá nunha misa (inicio ás 13:30 horas), xantar e baile con música en directo. As entradas para poder asistir estarán á venda ao prezo de 10 euros no edificio administrativo da Laracha desde este martes e ata o 9 de maio.

E tamén terán protagonismo os participantes nalgúns dos cursos do programa municipal cultural que se veu desenvolvendo nos últimos meses.

 

Máis info: Letras Galegas: Quen foi Francisco Fernández del Riego?

Comentarios