Venres. 04.10.2024
El tiempo

A Mesa de traballo contra a violencia de xénero da Laracha repasou a coordinación interinstitucional

A Mesa de traballo contra a violencia de xénero da Laracha repasou a coordinación interinstitucional

Esta semana celebouse unha nova xuntanza da Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero na que están representadas as forzas e corpos de seguridade da Laracha.

Contouse coa presenza do alcalde José Manuel López Varela; a concelleira de Muller Rocío López; a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha Ana Aldao; a xefa da unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno Isabel Álvarez García; o comandante do posto da Garda Civil da Laracha Miguel Rodríguez; e o xefe de Policía Local da Laracha Víctor Vilanova. Ademais, tras confirmarse no inicio da sesión a súa integración nesta mesa de traballo, tamén participaron por primeira vez dúas compoñentes do equipo de VioGén do posto da Garda Civil de Carballo, Concepción García e Teresa Bértua.

Tal e como é habitual nestas reunións, foron revisadas as ordes de protección e abordadas as altas e baixas do programa ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero. Os mecanismos de coordinación tamén foron revisados.

A vindeira semana tocaralle o turno á mesa educativo-sanitaria.

Comentarios