O goberno popular da Laracha aprobou a nova ordenanza fiscal que simplifica os trámites administrativos urbanísticos
O Pleno celebrado onte na Laracha aprobaba a ordenanza fiscal número 3.2 reguladora da taxa por títulos habilitantes de natureza urbanística.
O texto refunde as catro normativas municipais actuais nesa materia -datadas nos anos 2011 e 2018, e que serán derrogadas coa entrada en vigor da nova-, o que permitirá simplificar os trámites administrativos e adaptar á realidade actual supostos non previsto no regulamento anterior como as comunicacións previas nas obras ou a expedición de copias polos servizos urbanísticos, entre outros. Tamén se actualizará a cota tributaria que será, por regra xeral, do 0,4 % da base impoñible da taxa.
A nova ordenanza fiscal 3.2 aprobouse cos votos en contra dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG.
Tamén se aprobou a Conta Xeral do ano 2023, neste caso coa abstención do BNG e o voto en contra dos dous concelleiros do PSdeG-PSOE. Como dato de maior relevancia, o orzamento definitivo alcanza un importe de 14.896.384,04 euros, o que supón un incremento superior a 51 % con respecto ao presupostoinicial (9.850.000 euros).
O remanente de tesourería para gastos xerais total resultante ascende a 2.409.147,97 euros, estando xa parte desa cantidade comprometida nos orzamentos.
Salientar, tamén, a aprobación dunha moción contraria á actualización do canon de Sogama que implicaría maior custe para os Concellos no tratamento dos residuos sólidos urbanos.
Vehículo para SS
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, recibiron hoxe o novo vehículo que será posto a disposición do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais.
Entre as características do vehículo destacan que o tipo de combustible é diésel, o distintivo ambiental C e dispón do equipamento preciso para o desenvolvemento do labor dos traballadores sociais municipais.
O prezo de adxudicación do contrato ascende a 26.122,52 euros a cofinanciar entre o Concello e a Deputación da Coruña a través do programa POS+ 1/2024.