![asdfasf]()
Os bolseiros teran que controlar o estado de conservación do Dolmen de Dombate
O servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña acaba de convocar tres bolsas destinadas a titulados ou tituladas superiores en conservación e restauración de bens culturais.
As tarefas que as persoas beneficiarias das bolsas desenvolverán, baixo supervisión de persoal técnico, serán, entre outras, de restauración do patrimonio arqueolóxico da Deputación, en especial do
dolmen de Dombate, o de Axeitos e o de Cabaleiros. Neste ámbito, serán as encargadas do control, seguimento e avaliación dos equipos e estacións microclimáticas e de control do Dolmen de Dombate, e, en especial, do estado de conservación das pinturas.
Ademais do control do estado dos bens arqueolóxicos, as persoas que obteñan as bolsas –unha de arqueoloxía, outra de pintura e outra de escultura- farán estudios de
condicións de conservación e restauración dos bens e propostas de actuación e comprobacións tamén de bens cedidos en depósito ou préstamo temporal a outras institucións. Poderán encargarse así mesmo de traballos de restauración de pinturas, esculturas, pezas de artesanía ou outros bens culturais e etnográficos.
Finalmente, no desenvolvemento do seu traballo poderán desprazarse para a realización de asesoramento e actuacións de conservacións dos bens do patrimonio artístico ou históricos dos concellos da provincia, acompañando persoal técnico do organismo ou experto.
A comisión de selección estará formada polo profesor da Escola Superior de conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, Fernando Carrera, a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ánxeles Penas e o técnico responsable de Conservación do Concello da Coruña, Luís Jaime Oiza, actuando como secretario en voto, o Xefe de Servizo de Patrimonio da Deputación Provincial.
As bases da convocatoria publicaranse proximamente no Boletín Oficial da Provincia e o prazo para a presentación de documentación estará aberto até 19 de novembro. A duración da bolsa será de doce meses a contar desde o 1 de decembro deste mesmo ano.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Deputación da Coruña