A mina de ouro: unha mostra de resistencia organizada
Esta semana celebrarase o Recital SOS Versos contra o cianuro, que pon tintes poéticos á loita contra a Mina de ouro de Corcoesto. Unha mina que enfronta aos veciños que están a favor das palabras máxicas "postos de traballo" e outros que abogan pola defensa do patrimonio natural.
O que de seguro ten creado esta disxuntiva é un grupo de "resistencia organizada", como describe Bráulio Amaro Caamaño, membro da Plataforma en Defensa de Corcoesto, neste seu artigo. Un Bráulio que ten clara cal ten que ser a labor da Plataforma: "informar, difundir e espallar":
"As explotacións mineiras na Galiza: Colonialismo sen complexos", por Braulio Amaro Caamaño
Hai moito tempo que o noso país converteuse no albo da espoliación dos seus recursos naturais, se nos restrinximos a períodos cercanos, asistiremos no século pasado á espoliación do wolfram (mineral estratéxico na 2ª guerra mundial), o carbón (Meirama- as Encrobas ), os recursos hidrolóxicos e eólicos... Agora tocoulle ao ouro por mor dos elevados prezos nos mercados internacionais, especialmente na lonxa de Toronto (Canadá), certo é que o espolio do ouro remóntase á colonización romana (As Medulas, Montefurado,...). Se todo o espolio aos nosos recursos naturais é denunciábel per se, no caso do ouro asistimos á implantación dun auténtico colonialismo sen complexos, con todos os ingredientes do fenómeno da explotación colonial: potencia-industria colonizadora, complicidade das autoridades “nativas”, aparición de elementos colaboradores necesarios dentro dos “autóctonos”, ameazas, represión,.....mais tamén, afortunadamente, resistencia organizada.
Vaiamos por partes.
En Corcoesto (Cabana de Bergantiños) é coñecida de moi antigo a presenza de ouro nos seus montes, non só neste Concello senón que abrangue nun primeiro treito aos concellos de Cabana, Ponteceso e Coristanco e nun segundo e terceiro aos concellos de Zas e mesmo santa Comba.
Edgewater Gold Mines é unha empresa transnacional canadiana adicada á espoliación do ouro onde poda. Os canadianos son ben coñecida polos asturianos (Salave-Tapia de Casariego, Belmonte,...) onde por certo están a presentar unha moi forte resistencia á implementación desta minería destrutiva, aí empresa matriz, Kinbauri, toma o nome de Río Narcea Gold Mines. Ao fío disto, non estaría mal que se investigara o proceso de enxeñería financeira entre estas empresas canadianas, traspasándose os dereitos de explotación mineira entre si, sempre co horizonte facer evanescentes as posíbeis responsabilidades civís.
Segundo a empresa canadiana, esta ten dous proxectos estratéxicos o de Corcoesto (Galiza) e o de Enchi (Ghana). En Corcoesto, Edgewater tamén toma un nome nativo, unha característica nas empresas colonizadoras e dun alcance oculto cara as posíbeis responsabilidades legais en caso de accidente, contaminación masiva,... Non hai que ir moi lonxe no tempo para coñecer esta práctica: Boliden e o desastre de Aznalcóllar, aínda seguen esperando pola reparación económica. O nome aquí adoptado é Corcoesto Gold Mines.
Como bos colonizadores precisan de colaboración tanto nacional como local, aquí aparece en escena a Xunta de Galiza e o Partido Popular. Se a lexislación actual era restritiva e minimamente garantista, non hai problema, mudamos a lexislación para eliminar calesquera tipo de dificultades, de garantías medioambientais ou de responsabilidades legais, así a Xunta de Galiza modifica a lexislación industrial por medio da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, introducindo os denominados proxectos estratéxicos, que suavizan até o inconcibíbel os requisitos que teñen que cumprir as empresas e elimina as mínimas garantías esixíbeis no terreo medioambiental. Así a redución considerable do tempo de exposición da avaliación ambiental, os trámites urbanísticos que deberían seguir,... todos eles elementos comúns no caso do chamado proxecto de Corcoesto, sumándolle tamén a utilización do cianuro como elemento para separar o ouro da pedra-terra moída.
Non está demais lembrar que a utilización do cianuro neste tipo de minería a ceo aberto e con balsa de lavado-deposición, levou ao Parlamento Europeo á “Resolución sobre a prohibición do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro en la UE B7‑0240/2010”, como moi ben manifestou en varias interpelacións, a euro parlamentaria do BNG, Ana Miranda, a propósito da mina de Corcoesto; lembrar tamén que o uso desta tecnoloxía está prohibida en Chequia, Hungría, Eslovaquia, Polonia e Alemaña por mor dun gravísimo verquido ao río Danubio, pois ben os colonizados da Xunta non se dan por enteirados e así Edgewater pode proseguir cos seus planos.
Diciamos tamén que tamén se precisan axentes locais que fagan o papel de auténticos “cipaios”, aí aparecen os concellos da zona gobernados polo Partido Popular, e como hai que ir facendo méritos, que nunca se sabe como serán recompensados, o alcalde de Cabana asume un papel protagonista: prohibe a utilización dos locais veciñais para reunións dos opostos á mina, cando aparecen cartaces asinados por “SOS Corcoesto” non dubida en utilizar á policía local para arrincalos, ameaza e intimida enviando a persoal do Concello para disuadir a veciños contrarios á mina, os seus lacaios arrincan pancartas penduradas en propiedades privadas e ultimamente coloca avisos polo concello adiante ameazando con sancións a quen pegue propaganda, faga pintadas,….Tamén resulta surrealista que o Concello actúe como Axencia de recursos humanos de Edgewater, recollendo currículos dos aspirantes aos postos de traballo, o caciquismo non ten escrúpulos. Como el só non pode facer o traballo recorre aos acólitos de confianza, un concelleiro de Medio Rural, veciño de Corcoesto e a súa filla, casualmente empregada pola mina, percorren a parroquia ameazando, insultando, enfrontando a veciños entre si...
Cando Colón, Hernán Cortés, Pizarro, Valdivia,….escomenzaron o espolio de América trocaban o ouro dos indíxenas por colares e espellos e abalorios, pois aquí tamén se produce o mesmo, o único que muda é a mercadoría a trocar.
A Costa da Morte é unha zona secularmente economicamente deprimida e sempre co horizonte da emigración por diante para poder subsistir, pois ben a mercadoría a trocar aquí é o traballo na mina. A empresa oferta no seu proxecto 271 falsos postos de traballo contando contratas e subcontratas, directos e indirectos (falsos porque na súa maioría son de carácter técnico e as xentes de Corcoesto non van a acceder a eles. Por certo segundo o proxecto da empresa as quendas de traballo serán de 12 h.¡¡¡¡¡¡). Agora ben á Xunta parécenlle poucos para poder vender ben o proxecto nos concellos e aí aparece o Pinocho de Monte Pío (en definición dun bo amigo) aumentando estes a 1400.
Mais como dicía ao principio todo proceso colonial sempre atopa, afortunadamente, resistencia organizada. Nun principio a asociación ecoloxista Verdegaia case en solitario, mais pouco a pouco vanse incorporando máis e máis persoas conscientes e responsábeis coa preservación do noso patrimonio, por certo a mina está ao carón, por non dicer enriba de, dun Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura, e nunha paraxe singular: o esteiro do río Anllóns, o Monte Branco de Pondal. Pois ben, día a día a organización e a resistencia medra ao acubillo da Plataforma en Defensa de Corcoesto, queda moito por facer e o camiño é difícil, mais non é imposíbel librarnos desta nova lacra colonial, en definitiva a mesma loita que se está levar noutras partes do planeta contra a Mega minería destrutiva e o neo colonialismo como na América Latina (Arxentina, Bolivia, Perú, Colombia, Uruguai, Guatemala,...). Cómpre pois que a sociedade galega se posicione, e que os distintos movementos sociais do noso país dean apoio ás iniciativas surxidas na zona en contra da minaría contaminante e da espoliación dos nosos recursos.
- Bráulio Amaro Caamaño.
Novas relacionadas
- A loita contra a mina de Corcoesto colle tintes poéticos.
- Xurxo Borrazás tamén di non á Mina de Corcoesto.
- O BNG pide que a mina de Corcoesto non sexa a ceo aberto.
- Ata Galeano denuncia que a Mina de Corcoesto non cumpre a lei.
- O Goberno argumenta no Parlamento que a mina de Corcoesto creará 500 postos de traballo.
- ADEGA considera obsoleta a tecnoloxía da Mina de Ouro de Corcoesto.
- A febre do ouro exténdese a Zas mentres denuncian irregularidades no proxecto de Corcoesto.
- Os fumigadores si andan pola Costa.
- 1.300 sinaturas presentadas contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- A mina de Corcoesto chega ao Parlamento.
- Os veciños da Plataforma de Corcoesto denuncia prácticas intimidatorias do alcalde cabanés.
- Denuncian as falsas expectativas de emprego da mina de ouro de Corcoesto.
- A mentira das palabras máxicas .
- 04-05-12: Creada unha Plataforma contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- 12-03-12: Accidente laboral na mina de ouro Corcoesto.
- ADEGA espera para valorar o impacto da Mina de ouro de Corcoesto e enfróntase con La Voz.
- A mina de ouro de Corcoesto axiliza a súa posta en marcha co apoio das administracións e oposición dos ecoloxistas.
- O ouro de Corcoesto non brilla tanto.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).