Venres. 29.03.2024
El tiempo

A última asemblea da Asociación Neria?

A última asemblea da Asociación Neria?
  • Última hora: Trala reunión de alcaldes celebrada o luns 19 de setembro, a asemblea convocada para o martes 20 queda posposta ata despois dunha reunión co presidente da Deputación.
Logo Asociacion Neria desaparecida

Este martes 20 de setembro de 2016 pode ser un día histórico para a Costa da Morte. Unha das entidades máis importantes da nosa historia recentes pode desaparecer. O martes hai asemblea xeral, e un dos puntos da orde do día debería ser a disolución dunha entidade avocada ao seu fin.

O luns hai reunión previa entre os directivos e os socios, os alcaldes, como responsables dos Concellos. O caso é que á última reunión só foron 4 alcaldes (os de Camariñas, Fisterra, Laxe e Corcubión, que nin sequera forma parte da asociación dende hai tempo, igual que os saíntes Cabana, Malpica, Mazaricos, Vimianzo e Zas) ademais dos 3 responsables da Neria, entre os que non estaba Xan García, a pesar de que segue facendo traballos de “colaboración” para a entidade.

As débedas seguen afogando unha entidade en quebra dende 2014, con denuncias de índole laboral enriba e coa Deputación decidida a pechar a porta e xa apoiando o novo ente xestor do sector turístico da bisbarra, o CMAT.

"Liquidación"

Boa parte dos alcaldes que aíndan forman parte da mítica “entidade supramunicipal” consideran que "non ten viabilidade", e que a única solución é a liquidación e ir asumindo esa débeda, aprazando pagos e intentando financialos, "que lle afecte o menos posible aos Concellos".

"Podería ser a última asemblea, si", recoñece o propio alcalde de Zas, outro dos concellos que non forma parte da Neria dende hai meses pero que considera que ten que estar, e ten que asumir responsabilidade no proceso de disolución da entidade. "Nós a última cota xa lla pagamos directamente a Montoro, a Facenda, e crimos que non era de recibo, por iso saímos a finais do ano pasado".

As causas da caída

"O que si é que temos que aprender dos erros que nos levaron ata aquí. Neria convertiuse nun fin en si mesma, e creou unha burocracia que facía necesaria unha gran cantidade de orzamento para manter a súa infraestrutura, para autoabastecerse".

Un novo "lobby" de presión política

"Unha entidade que, en todo caso, ten dado moito á Costa da Morte", lembra Manuel Muíño. "Gracias á Neria conseguimos unir á bisbarra e traermos o Hospital de Cee. Como "lobby" de presión foi un medio moi válido, e agora fará falta outro ente que nos aglutine a todos os Concellos nunha mesma voz, para reclamar a cantidade de cousas que nos falta", propón o alcalde zaense en clave de comarca.

Novas relacionadas Fonte
Comentarios